A actual situación epidémica que nos rodea é como un anuncio dunha película que se vai estrear nun futuro máis ou menos próximo. Se damos un par de pasos cara atrás e tentamos ver o escenario conxunto a Covid19 tan só amosa as costuras dun sistema que se vai descosendo pouco a pouco e que a nosa clase política (toda ela) tenta solucionar aportando as mesmas ferramentas que puideron funcionar no pasado pero que agora necesita doutras medidas moito máis vangardistas e valentes, medidas extraordinarias que se converterán en normais.
As forzas económicas, políticas e sociais (destas últimas, non todas pero si a maioría) miran cara outro lado, ou directamente desprezan, todos os argumentos que se están a presentar sobre a total falta de recursos e o insostible deste sistema económico. Da o mesmo. Os titulares destacados son as necesidades de empresas particulares ou sectores abafados pola crise xerada pola pandemia.
Sendo moi importante, eu recoméndolle á xente que non poña o foco exclusivamente no coronavirus, tampouco na vaga de frío que nos asola. Tan só, son síntomas de enfermidades moito máis graves como é o consumo abusivo de recursos propios e alleos e un cambio climático imparable, irreversible e co que so podemos aspirar a paliar ou atemperar a súa virulencia. Os últimos estudios amosan que xa é imparable.
Fagamos un breve exercicio mental: supoñamos que estamos todos no Titanic, no medio do océano conxelado. O barco está a piques de afundirse pero o grupo de maquinistas esixen unha barca salvavidas porque o seu traballo foi esencial; pola outra banda, os músicos berran por axuda específica para eles; os de primeira clase escollen e suben nas mellores barcas, mentres o persoal de capitanía discute sobre quen ten a culpa do afundimento. Vostede está no medio do lío e observa asombrado as distintas posturas, pero ninguén o axuda, só conta coa súa propia iniciativa.
Que iniciativa podemos ter como cidadáns individuais en sistemas urbanos alleos ao seu entorno? Pense. Que pode facer vostede se o seu supermercado habitual deixase de ser abastecido? Como poderá manter a calor (ou o frío) no seu fogar se a súa empresa enerxética deixase de ofrecer o servizo non por falta de pagamento, senón por carencias do sistema enerxético? E se houbera un encarecemento brutal do combustible ou carencias no seu aprovisionamento, que o deixase durante días alí onde estea, sen opcións a moverse por traballo ou motivos familiares?
Algunha destas situacións foron vividas estes días, pero volverán, con virus e vagas de frío ou sen eles. Fagan exame da súa propia autosuficiencia enerxética e alimentaria e non agarden que “o papá Estado e a mamá Administración pública” lles arranxen o conto.
Óscar Blanco