A Deputación de Ourense levará o Entroido ourensán aos colexios da provincia a través da publicación Os Bolechas, o entroido ourensán 2021, unha guía e unha unidade didáctica que distribuirá a institución provincial en 120 centros educativos da provincia nos que se imparten os ciclos de Educación Infantil, Educación Primaria, e Educación Especial. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou dita iniciativa cultural, no centro cultural “Marcos Valcárcel”, que ten como obxectivo que a pesar da difícil situación que estamos a vivir con motivo da pandemia e que afectará tamén ao noso entroido, “desde a Deputación de Ourense queremos contribuír a manter vivo o espírito desta celebración”.
Baltar destacou o “protagonismo” que sen dúbida ten o entroido na nosa provincia pois “practicamente en cada recuncho do noso territorio hai unha manifestación vencellada con esta celebración tan ancestral, con identidade e características propias que a converten en singular e única”.
Por elo, desde a Deputación de Ourense “elaboramos unha publicación composta por unha guía e unha unidade didáctica -editada por Bolanda Ediciones coas ilustracións e textos de Pepe Carreiro-, para que os máis cativos coñezan, da man destes famosos personaxes, o noso gran parque temático de cultura e tradición ourensá como é o entroido”, explicou Manuel Baltar.
Os bolechas percorrerán nesta obra os entroidos máis destacados da nosa provincia, resaltando traxes e costumes, “para que os escolares coñezan máis a nosa riqueza cultural e manteñan viva esta tradición”, sinalou o presidente do goberno provincial, quen engadiu que “a pesar da pandemia, a Deputación de Ourense quere manter vivo o seu compromiso con esta senlleira celebración, tal e como o leva a facer nos últimos anos con diferentes iniciativas e actividades”.
SOURCE: Os Bolechas no Entroido ourensán