A Deputación de Ourense forma parte desde xa do Eixo Atlántico, o lobby de cooperación transfronteiriza máis importante entre España e Portugal, integrado por 39 entidades que representan a provincias, cidades e cámaras territoriais de ámbolos dous países. A incorporación da Deputación de Ourense fíxose efectiva na asemblea xeral do Eixo Atlántico que en reunión telemática aprobou tamén o balance de xestión e as contas da entidade de 2020, así como o programa e o orzamento para 2021.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, expresou o agradecemento pola aceptación unánime por parte de todos os membros á incorporación da institución provincial ourensá e dixo que “é un día importante para a Deputación e para a provincia de Ourense porque entramos nun foro de prestixio e cooperación transfronteiriza, como é o Eixo Atlántico. Unha entrada que se produce logo de acreditar unha capacidade de traballo en rede no ámbito europeo, como vén facendo a Deputación de Ourense presidindo Partenalia, a asociación europea de gobernos provinciais; presidindo a asociación europea de cidades históricas termais –integrada por 51 sitios termais de 18 nacións-; vicepresidindo a CEPLI, a Confederación europea de Poderes Locais Intermedios, e grazas a todo ese traballo en rede desenvolvemos programas europeos que non se levan a cabo noutros territorios: no ámbito do reto demográfico, emprendemento, temas termais, Ourense como “destino turístico intelixente” ou no ámbito cultural”.
Baltar defende que esta incorporación ao Eixo Atlántico “chega nun momento especialmente importante porque estamos a falar de fondos comunitarios extra nunha situación de pandemia, e aí ten que estar a Deputación de Ourense e, por extensión, desta maneira, tamén o están todos os concellos da provincia”.
Baltar puxo en valor o feito de que a provincia de Ourense “é a que máis quilómetros de fronteira ten con Portugal, 219, o que fala do carácter internacional da deputación e da provincia de Ourense, caracterizada pola emigración ao longo do tempo”, e salientou na súa intervención “o pulo necesario que temos que levar a cabo entre todos nesta difícil etapa da pandemia do COVID-19. Unímonos para traballar, facer e achegar, e agradezo que esta entrada teña sido unánime, como o consenso que preside unha entidade de tanta relevancia e prestixio como o Eixo Atlántico”, expresou Manuel Baltar.
O presidente do goberno provincial comentou que a entrada no Eixo Atlántico supón “un escenario perfecto para seguir ampliando a nosa rede de traballo cunha entidade que engloba cidades, concellos e territorio de Galicia e do Norte de Portugal cos que compartimos moitos intereses nun momento absolutamente transcendental, unha cooperación que marcará un antes e un despois en canto a alianzas en políticas públicas comunitarias”, dixo Baltar.
Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, afirmou que a incorporación da Deputación de Ourense “permítenos completar o eixo polo interior, Lugo-Ourense-Tras os Montes” e destacou “a extraordinaria actividade que desenvolve a Deputación de Ourense, entre outros, nos ámbitos do termalismo, a sostibilidade e a cultura.
SOURCE: Eixo Atlántico