O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense aprobou, en xuntanza telemática, a convocatoria e as bases para a concesión de bolsas a deportistas individuais. O CMD destinará unha partida de 20.000 euros dos seus orzamentos a esta convocatoria, que pretende contribuír á mellora e ao perfeccionamento de deportistas que destaquen na súa participación en competicións oficiais de carácter individual nas distintas modalidades deportivas, dándolle cobertura a parte dos gastos derivados da súa actividade.
A convocatoria prevé dous tipos de axudas, coas súas correspondentes categorías:
– De iniciación: destinadas a deportistas menores de 18 anos, que poderán chegar até un máximo de 250 euros.
– De cualificación: destinadas a deportistas maiores de 18 anos -incluídos-, que poderán chegar até os 950 euros.
Poderán solicitar as axudas os deportistas empadroados no Concello de Ourense, que dispoñan de licenza en vigor pola Federación Deportiva Galega da súa modalidade deportiva. No caso de modalidades deportivas non integradas en federacións galegas, será considerada a licenza estatal. Tamén deberán presentar certificado do mellor resultado obtivo, emitido pola federación do seu deporte.
Os deportistas interesados poderán presentar as súas solicitudes durante un prazo de 1 mes que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, no Rexistro do Consello Municipal de Deportes, na avenida de Pardo de Cela nº 2, ou de forma telemática a través da sede electrónica do CMD.
A información estará a disposición da cidadanía no espazo web do Consello Municipal de Deportes [www.deportesourense.com], onde se poderán descargar as Bases e Anexos da Convocatoria e da Sede electrónica do Consello Municipal de Deportes.
SOURCE: Axudas a deportistas do Concello de Ourense