O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, copresidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade, celebrada de maneira telemática, na que se realizou unha análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.
O subdelegado do Goberno quixo trasladar aos representantes das forzas e corpos de seguridade presentes a súa felicitación pola profesionalidade demostrada e a súa capacidade de traballo ao compatibilizar dende o pasado mes de marzo as labores fronte a pandemia coa protección da seguridade, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todos os corpos.
Así mesmo, Emilio González quixo salientar o comportamento da cidadanía, contribuíndo a reducir a progresión do virus da COVID-19, salvo en ocasións excepcionais que deron lugar a propostas de sancións administrativas e que supuxeron que a cifra de infraccións administrativas no concello se incrementase con respecto ás cifras do ano anterior.
No tocante á seguridade cidadá, o subdelegado do Goberno destacou o incremento da actividade da Garda Civil en canto ao número de investigados e un incremento das infraccións penais, correspondente cun lixeiro aumento dos delitos telemáticos e contra o patrimonio.
Emilio González manifestou que Xinzo de Limia segue a ser “un concello seguro no que todas as administracións e as forzas e corpos de seguridade seguirán traballando para manter os niveis de seguridade”.
En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, indícan que actualmente no concello de Xinzo de Limia hai activos no sistema VioGén oito casos. Deles, dous presentan risco medio, un risco baixo e cinco risco non apreciado. Constátase que nos oito casos activos se conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.
Como outro dos puntos da orde do día estableceuse a activación do Plan Estratéxico de resposta policial ao consumo e tráfico de drogas minorista en zonas, lugares e locais de ocio do concello de Xinzo de Limia, a través do cal as forzas e corpos de seguridade desenvolverán actuacións para previr e reducir a oferta de drogas aos consumidores, especialmente entre a mocidade, e previr a condución de vehículos a motor baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou drogas tóxicas.
Igualmente, na Xunta Local de Seguridade acordouse impulsar o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas en canto a situación da pandemia o permita. O obxectivo é incrementar nos centros escolares de Xinzo de Limia o número de charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade sobre o uso das novas tecnoloxías, sobre o acoso escolar, sobre a violencia de xénero, sobre a prevención de condutas aditivas (consumo de alcohol e drogas, así como adición ao xogo) e outras actividades. Así mesmo, reforzarase a vixilancia nas inmediacións dos centros educativos para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.
SOURCE: repunte delitos en Xinzo