Decrecendo

Drácula pásase ao leite

Propóñolles o seguinte exercicio: imaxinen que Drácula reúne a todos os seus acólitos e dilles: “Estimados seres do averno, acábasenos o sangue. A que queda é difícil de extraer e a que se pode extraer é de mala calidade. Non queda outra que buscar novas formas de alimentarnos. O leite é o futuro. A partir de agora, beberemos leite para saciar a nosa sede e conservar o noso poder”.
Que Drácula faga tal aseveración pode ser preocupante, xa que alguén que necesita o apreciado plasma para a súa propia supervivencia tan só renunciaría a el en circunstancias que non pode controlar, como o feito irresoluble do seu esgotamento.

Fagamos agora unha translación desta imaxe metafórica ao mundo que nos rodea. Que opinarían se grandes petroleiras recoñecidas como BP, Shell, Exxon Mobil, Total,… dixesen que a era do petróleo acabouse? Creríanllo? Talvez, se esa mensaxe proviñese de radicais ecoloxistas que desexan o fin do petróleo, un pode pensar “xa están estes esaxerados e as súas profecías apocalípticas”. Pero se a mensaxe provén dunha petroleira o asunto adquire outra importancia.

Pois así foi. Os vampiros pronunciáronse a un tempo, coincidindo na idea, aínda que logo expoñan diversas causas da mesma. Así, en setembro de 2020, BP afirmou que “a era do crecemento da demanda do petróleo acabouse”. En decembro de 2020, Exxon Mobil réndese “perante o pico da demanda do petróleo”. En febreiro de 2020, a francesa Total advirte que “o mundo podería atoparse cun déficit de subministración de 10 millóns de barrís por día de aquí a 2025” e ese mesmo mes, Shell di que a súa produción de petróleo alcanzou o seu punto máximo.

Obviamente, estas grandes corporacións non van abandonar o seu modelo de negocio, senón que desprazan o foco a outras fontes de enerxía que lles permita manter (a duras penas, é certo) a súa formidable conta de ganancias. Así, ademais das declaracións sobre o pico do petróleo, atopámonos movementos empresariais e reconversións cara ás enerxías renovables.

As grandes contaminantes empezan a adoptar políticas de “green washing” (lavado verde de imaxe) para simular que están preocupadas polo medio ambiente, a calidade das contornas naturais, o coidado de flora e fauna autóctonas, etc. Realmente, o que fan é lanzar as súas gadoupas sobre as enerxías renovables, perpetuar o seu control e dosificar a súa distribución, encarecendo a subministración e mantendo a gobernos e consumidores escravos a través dos recursos enerxéticos.

Non todas esas empresas superarán este proceso traumático de cambio porque a substitución dos combustibles fósiles por enerxías renovables non será do 100%. Non podemos substituír todos os coches ordinarios por coches eléctricos, non podemos alcanzar a mesma enerxía que achegaba o “xute” do barril do petróleo con enerxías eólicas ou solares. Ademais, sábese por diversos estudos como os realizados polo Grupo de Enerxía, Economía e Dinámica de Sistemas (GEEDS) da Universidade de Valladolid, que o potencial renovable da Terra sitúase, no mellor dos casos, en torno ao 30% ou 40% por cento da enerxía que se consome hoxe en día.

Se só poden obter o 30% da enerxía estas empresas deberían reducir o seu volume de negocio ata ese 30% pero actuarán con toda a súa agresividade empresarial envolta en márketing amable e, na miña humilde opinión, morrerán matando, agonizando aos poucos mentres degradan as nosas contornas máis inmediatas apoderándose de calquera fonte enerxética e esgotándoa agora, hoxe, tanto para nós como para as nosas futuras xeracións.

Óscar Blanco

SOURCE: Artigo de Óscar Blanco