O tempo corre con celeridade, coma este entroido que aínda estando en pausa, liscou fugaz, deixándonos marcados para sempre. Un entroido invisible como o virus, que se ri de nós ollando como impotentes dobramos o xeonllo, con resignación e sen remedio. Agora, na madrugada profunda, cando o silencio outorga claridade, penso en ti, entroideira do meu pobo. Cicais, foi a túa mirada chea de bágoas, o que me perturbou neste entroido maldito, e que sen dúbida estremeceu a miña alma.
Ao espello dourado apagóuselle a luz, esa luz brillante que cada ano reflexa o teu sorriso. Desta vez, coa faciana limpa, e coa ausencia da colorida fantasía, quedan espidas as sinais da tristura. Todo ficou inmóbil menos o teu corazón. Os latexos da forza entroideira que posúes, quedarán reservados no baúl, onde nun ano, sairá de novo a comparsa máis fermosa. A “Singer” desgastada da avoa, non traballou co fío da ilusión. A roda da vida atrancouse por un intre, enchendo de nostalxia a noite das comadres. So a túa mirada é quen de clavar un sentimento.
Ese sentimento de nai, de compañeira e amiga infatigable, cómplice dos máis transgresores acontecementos. Muller de sangue quente que reactivas a revolución do entroido tras da máscara. Entroideira de Verín, es ti fresca brisa improvisada das lembranzas inesquecibles. Muller que defendes a muller, nena que miras de reollo, avoa que intúes o imprevisible. Es ti a madeira nobre que aparece nun mar enfurecido, onde se agarra o mais valente cando se ve perdido. Es o consolo de calquera caída, o libro do que temos aprendido. Muller entroideira, estrela que brilla na “estrela”, amosando o camiño esquecido, cando todo estaba frío e sen algarabía.
Hoxe escribo para ti, muller atrevida, que mudas a casa en ledicia aínda que esteas ferida. Nobreza pura da catarse colectiva que por febreiro asoma. Es ti, a man que cose temorosa o pantalón, es a que peitea o pompón e faslle o amarre a garabata. Entroideira de casta, que luces coma ninguén o capuchón, que tes a festa na alma metida e pasas desapercibida cando estás ao carón do teu cigarrón.
Es a chispa, a explosión, es o berro eterno dunha canción. Es ti, a xolda desbocada pero sentida. Dona do misterio e da ironía. Raíña da melancolía no barrio vello. Es a meiga das rosquillas feitas o sábado de carnaval con amor, azucre e anís. A nena dos ollos enfariñados, meixelas rosadiñas e beizos colorados. Es a entroideira da morriña, que estas lonxe e resucitas. Es ti tormenta e calma, es a forza, a unidade e o murmurio, es a presencia, a mente, o pensamento da liberdade! Es ti, a dos bailes infinitos nas noites perdidas. A dos amores de entroido que xamais se esquecen, e quedan de por vida. So podes ser ti, entroideira querida!
Miguel A. Prieto “Chitín”