57O Concello de Ourense acometerá este ano un paquete de actuacións para a posta en valor do paseo fluvial do río Miño, coa finalidade de mellorar as condicións de uso para a veciñanza como grande zona de lecer da cidade. Así o anunciou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen explica que o Concello quere potenciar este espazo público con actuacións que incluirán tanto a mellora de firmes, o valado, o mobiliario urbano e os aseos, así como o reforzo da presenza policial na zona. Será unha actuación, explica, a curto prazo mentres o Concello segue traballando co Colexio de Arquitectos na convocatoria dun concurso público para recoller propostas para acometer unha actuación “de calado” para a mellora do paseo fluvial.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome destaca o extraordinario valor do paseo do río Miño: “En Ourense temos unha auténtica xoia, o paseo do río Miño que é o gran parque de Ourense, de 12,3 km de extensión, que cada vez colle máis forza porque a xente se da conta da xoia que é”. Por este motivo, asegura, a súa posta en valor é un “obxectivo prioritario” para o goberno municipal.
Con este obxectivo, lembra que “está en marcha un concurso co colexio de arquitectos para realizar unhas obras dun calado importantísimo” para a posta en valor deste espazo. Na actualidade, en fase dunha entrevista coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para traballar de forma coordinada coa fin de que “as obras que se propoñan no concurso de proxectos se adecúen á viabilidade e se enmarquen dentro o que permita a Confederación”.
Mais, xa a curto prazo, o Concello pretende avanzar na mellora das condicións de desfrute desta zona: “Mentres tanto, imos adecentar e poñer máis en valor o que temos agora mesmo, mellorar todo o mobiliario que hai no paseo, coidar moito máis as zonas verdes, optimizar o valado, abrir outra vez os baños de Reza e o Muíño, renovar o firme naquelas zonas onde se poidan producir embarrados, e poñer policía de forma permanente para que durante todo o día haxa sempre unha patrulla vixiando o noso gran parque”. Todo isto, co obxectivo de “que teña moitísima mellor cara e se desfrute moito máis”, asegura Pérez Jácome.
SOURCE: Melloras no paseo do río Miño