Xa está en marcha o protocolo «Plan de hostalaría segura» que desde obrigará a cada establecemento a contar cun cartel visible no exterior do mesmo.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse a un local hostaleiro da cidade de Ourense para comprobar a implementación do protocolo que contempla o Plan de Hostalería segura que a Xunta puxo en marcha para o sector hostaleiro.
O delegado territorial explicou que “o noso obxectivo fundamental é garantir o cumprimento das medidas, en especial do control da capacidade dos locais, as distancias de seguridade e uso de máscaras, entre outras actuacións que buscan diminuír a incidencia do virus”; e subliñou que “desde o próximo venres será obrigatorio contar cun cartel visible no exterior dos establecementos que informe da capacidade máxima do local e o aforo, tanto no interior coma no exterior segundo a normativa vixente”. Así mesmo, tamén deberán facilitar o acceso aos clientes do código QR para que estes poidan rexistrar a súa presenza.
Gabriel Alén apelou á responsabilidade e reclamou prudencia ante as imaxes desta fin de semana coincidindo coa flexibilización das restricións derivadas da covid-19. Así, emprazou a poboación a non deixarse levar polo “falso optimismo” dos datos e poder seguir consolidando a tendencia a baixa das últimas semanas.
O representante do Goberno galego lembrou que o Plan de Hostalería segura recolle, para facilitar o cumprimento do aforo sanitario e garantir as distancias de seguridade, que os establecementos deberán ter montadas as cadeiras e mesas que se correspondan coa capacidade do local en condicións normais e indicar con bandas e adhesivos aquelas que non se poden ocupar, segundo as porcentaxes máximas permitidas.
Compre sinalar que dispositivos da Policía Autonómica en colaboración e coordinación coas demais forzas e corpos de seguridade e coas policías locais dos concellos manteñen un operativo permanente de control dos locais de hostalería co obxectivo de supervisar o cumprimento das restricións vixentes.
Durante os operativos os axentes comproban o cumprimento do aforo permitido, os horarios de apertura e peche e que tanto clientes como empregados respectan as medidas de prevención ante a covid-19 como a distancia de seguridade interpersoal e o uso obrigatorio de máscara. Ademais, informan de que desde o próximo venres será obrigatorio contar cun cartel nun lugar visible no exterior no que se informe da capacidade máxima do local e o aforo e porcentaxe permitidos no exterior e interior segundo a normativa vixente, así como a disposición de códigos QR para que os clientes poidan rexistrar a súa presenza.
SOURCE: Protocolo plan hostalaría segura