Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, en Verín levaranse a cabo unha serie de actividades impulsadas polas entidades sociais: FEMURO, CDR Portas Abertas, Asociación Feminista Nosas e Marcha Mundial das Mulleres, en colaboración co Concello de Verín e coa Asociación de Empresarias de Verín. Estas accións, que terán lugar nas rúas de Verín, teñen como obxectivo mostrar e recordar que o movemento feminista continúa moi vivo a pesar da situación social e sanitaria.
As actividades que se realizarán o propio día 8 de marzo buscan poñer en valor o espírito comunitario que se respirou na última gran manifestación do ano 2020. A acción máis visible será unha unha escolma de fotografías ubicadas nos lugares que acolleron a manifestación, principalmente a praza García Barbón, onde terán lugar outras iniciativas co mesmo obxectivo.
A través das redes sociais invítase á poboación en xeral a que colgue nos seus balcóns prendas violetas ou carteis reivindicativos, como se ten feito noutras ocasións nos balcóns da vila. A Asociación de Empresarias/os de Verín tamén se une á iniciativa decorando os escaparates con motivos feministas. O Concello de Verín colabora nesta ocasión a través de paneis colocados nas rúas principais nos que se poderán ler mensaxes feministas.
“Sen coidados non hai vida”
Un ano atrás, a manifestación organizada por Galegas 8M en Verín atraeu a 6.000 persoas baixo o lema “Sen coidados non hai vida”, lema que continúa vixente este ano. Aquela manifestación supuxo un impulso ó movemento feminista en Verín que agrupa a diversas entidades que traballan en rede e actúa no ámbito educativo, social, laboral, asociativo e do activismo.
SOURCE: 8M 2021 Verín