O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, fixo entrega dun lote de 74.000 máscaras destinadas aos concellos e ás entidades sociais da provincia, nun novo reparto que realiza o Executivo central para atender a colectivos de poboación vulnerable e ao persoal de servizos esenciais das entidades locais.
Emilio González entregou un total de 26.000 máscaras aos representantes de Cáritas Ourense, María Tabarés; de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro; e de COGAMI, Mónica Limia, para facilitar que o seu persoal, os seus usuarios e as entidades que forman parte do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Ourense (CERMI) poidan facer uso deste material de protección.
Así mesmo, o subdelegado do Goberno supervisou o dispositivo e entregou ao vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Férnandez, un lote de 31.500 máscaras para a súa distribución entre os concellos da provincia con poboación inferior a 20.000 habitantes. As restantes 16.500 unidades foron entregadas directamente ao Concello de Ourense.
Emilio González agradeceu a labor fundamental que realizan os concellos e as entidades sociais na provincia para a protección das persoas máis vulnerables e desprotexidas dende o inicio da crise sanitaria.
Con este novo reparto o número total de máscaras distribuídas polo Goberno de España na provincia de Ourense é de 522.500 unidades. “Con esta xa son sete as entregas que realiza o Executivo central dende o inicio da pandemia da COVID-19, co obxectivo de protexer ás persoas máis vulnerables e a quen traballa con estes colectivos, así como ao persoal dos servizos municipais esenciais”, indicou o subdelegado.
Así mesmo, Emilio González recalcou que “as máscaras son un elemento fundamental para coidar da nosa saúde e da do resto das persoas”, polo que lembrou a necesidade de “facer un uso correcto deste elemento de protección e respectar as normas dispostas polas autoridades sanitarias”.
SOURCE: Reparto de máscaras da subdelegación