O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, resaltou que nove de cada dez lesións infantís graves ou mortais serían evitables cos sistemas de retención obrigatorios, mentres que o cinto de seguridade é un elemento básico que reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. Así o indicou durante a presentación en Castadón, no P.K. 4 da OU-536, da campaña de vixilancia e control do uso destes dispositivos que desenvolverá a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e a Garda Civil de Tráfico durante esta semana.
Emilio González, que estivo acompañado do xefe provincial da DXT, David Llorente, e do tenente adxunto do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, Javier Barja, informou que dende hoxe, 8 de marzo, ata o domingo 14 de marzo os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis para comprobar que tanto o condutor como os ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade. Así mesmo, constatarán que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil adecuados á súa estatura, peso e idade.
O subdelegado do Goberno resaltou a importancia de empregar o cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, cuxa eficacia depende da adecuada concienciación e responsabilidade dos condutores.
“Queremos facer un fincapé especial na nosa provincia aproveitando o inicio desta campaña, posto que durante o ano 2020 e o que levamos de 2021 cinco dos sete condutores de turismo ou furgoneta falecidos non facían uso do cinto de seguridade. As estatísticas dinnos que o risco de morte en caso de accidente redúcese nun 50% se se fai uso deste elemento de seguridade, porcentaxe que aumenta ao 77% no caso de envorcar o vehículo. Por iso, é importante facer un chamamento á cidadanía para que non se esqueza de empregar o cinto de seguridade de maneira correcta en todo tipo de vías, en estrada e en cidade”, detallou o subdelegado do Goberno. “No caso dos sistemas de retención infantil é preciso salientar que un neno sen suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves”.
O xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente, sinalou que “o cinto de seguridade é un seguro de vida, sendo obrigatorio o seu uso en estrada en España dende o ano 1974 e en vías urbanas e nas prazas traseiras do vehículo dende o ano 1992”. Así mesmo, indicou que as Policías Locais de Ourense e de O Barco de Valdeorras comunicaron a súa adhesión a esta campaña, dada a relevancia de que os condutores adquiran o hábito de empregar este elemento de seguridade tamén no entorno urbano.
A sanción por non usar o cinto de seguridade ascende a 200 euros e leva aparellada a retirada de tres puntos do permiso de condución, aínda que a próxima reforma da Lei de Tráfico incrementará a catro puntos a sanción por cometer esta infracción.
SOURCE: controis DXT