O Concurso de Debuxo Infantil do Centro da Información a Muller da Mancomunidade Santa Águeda xa ten os seus gañadores da primeira edición. Entre todos os traballos presentados o xurado elixiu un finalista por cada unha das modalidades (infantil, primaria con dúas categorías), que recibiron un lote de material de pintura e debuxo, libros e xogos. A contía do premio é de 50 euros para cada unha das modalidades; ademais, o alumnado das escolas infantís recibiu un diploma pola súa participación.
No concurso participaron o alumnado de primaria e infantil, matriculado nos colexios dos concellos de Amoeiro, Coles, A Peroxa e Vilamarín, baixo o lema ‘Enchemos de Cor a Mancomunidade’.
Delegado da Xunta
Durante o acto de entrega dos premios, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, louvou a figura de Emilia Pardo Bazán como exemplo de feminismo conciliador no acto.
Diante dos alumnos premiados, Gabriel Alén, referiuse a Pardo Bazán “como unha muller brillante, preparada e pioneira no seu tempo, ao ser recoñecida como novelista, poetisa, xornalista, tradutora, crítica literaria, editora, catedrática universitaria, e conferenciante; pero que todo iso -sinalou Gabriel Alén- de pouco lle serviu en vida xa que non lle reportou o recoñecemento que merecía, senón máis ben o contrario: críticas, insultos machistas e discriminación ata polos seus propios compañeiros escritores, que lle negaron ata tres veces o ingreso na Real Academia Española (RAE) a pesar dos seus méritos”.
O delegado territorial, tamén lle lembrou aos escolares a importancia de mulleres como Rosalía de Castro e Concepción Arenal, que ao lado de Pardo Bazán representan “as primeiras voces de igualdade no noso país”, cuxos principios están «plenamente vixentes na actualidade». “A causa da igualdade é de todos, e de todos os días, non só do 8 de marzo”, sentenciou.
Gabriel Alén reiterou no nome do Goberno galego o seu firme compromiso na visibilización da muller en todas as esferas da sociedade así como recoñecer o seu liderado e contribución para acadar un mundo máis igualitario, e subliñou, que “neste marco e nun ano tan complicado como o que acabamos de vivir, no que a crise sanitaria da covid-19 está poñendo a proba a toda a poboación mundial, as mulleres galegas están a desempeñar un papel crucial achegando o seu talento, traballo e liderado”.
O delegado destacou que aínda que nos últimos anos se acadou un gran avance na igualdade entre mulleres e homes, o Goberno galego é consciente de que no escenario actual queda aínda un longo camiño por percorrer. “Non podemos esquecer neste día a todas as mulleres que perderon a súa vida polo feito de ser mulleres. Por elas, por todas, brindamos o maior apoio posible e os medios necesarios para mellorar a súa seguridade e axudalas a saír da situación de violencia que están a sufrir, dicindo alto e claro NON á violencia de xénero”, engadiu.
O delegado territorial amosou o seu convencemento de que o enfoque de xénero é un dos piares fundamentais que guía as políticas e accións do Goberno galego e “confiamos en seguir camiñando xuntos, con todas as galegas e galegos, nesta andaina cuxa meta é acadar unha sociedade igualitaria e sen discriminacións de ningún tipo porque sen mulleres non hai Galicia”.
SOURCE: concurso CIM Santa Águeda