O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse a Serantes, no concello de Leiro, e a Ponte Pedriña, no concello de Celanova, para visitar estes monumentos históricos trala publicación da licitación das obras de rehabilitación que vai acometer a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e que unha vez adxudicas, terán un prazo de execución de catro meses en ambos casos.
Gabriel Alén puxo en valor a aposta decida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, por iso “dende a Xunta queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis singular”; e engadiu, “este tipo de actuacións constitúen un auténtico agasallo para todos os que estamos orgullosos da nosa riqueza etnográfica e da nosa historia e para todos os que cremos nas testemuñas do pasado como unha parte esencial do noso poder de transformación”.
A igrexa de Santo Tomé de Serantes, no concello de Leiro, conta cun orzamento de licitación de preto de 47.000 euros para a restauración do retablo maior e as súas imaxes. Este investimento suporá unha mellora estrutural deste ben catalogado que se enmarca na colaboración que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén coa Diocese de Ourense para a conservación de varios inmobles eclesiásticos.
Na Ponte Pedriña de Celanova, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten previsto destinar máis de 169.000 euros para solucionar de maneira prioritaria os problemas estruturais de cara a evitar un maior deterioro da súa bóveda.
Santo Tomé
As necesidades que se pretenden cubrir con esta restauración radican na necesidade de realizar a desmontaxe do ático do retablo por mor do inminente perigo de desplome. Así, faranse labores de desinsectación co fin de eliminar ataques por parte de insectos xilófaios así como previlos no futuro e consolidar o soporte nas zonas debilitadas. Ademais, recuperaranse os volumes reintegrando as fendas que supoñan un risco para estabilidade do conxunto.
Tamén se fixará a policromía, realizarase unha limpeza físico-química da capa de protección fortemente escurecida por procesos de oxidación ao longo do tempo e que altera considerablemente a valoración do cromatismo orixinal do retablo. Os traballos tamén inclúe o tratamento de metais, a eliminación de repintes, a restauración da carpintería, a retirada de elementos alleos ao retablo como as pezas do antigo cabreado eléctrico, a eliminación da instalación eléctrica, o estucado das zonas onde non exista preparación, a reintegración cromática e a aplicación dunha nova capa de protección. En total o proxecto permitirá a restauración das imaxes de: San Pedro, Santo Tomé (zona ático), San Cristovo, San Gregorio (zona ático), San Roque, Santa Bárbara e San Gregorio (predela).
Ponte Pedriña
As actuacións que se levarán a cabo nesta ponte teñen como obxectivo evitar un maior deterioro do ben, así como permitir a súa utilización por parte dos veciños deste concello ourensáns. Así pois, as principais patoloxías que se resolverán con estes traballos son o dano na bóveda, o deterioro nos muros de acompañamento, a falta de pavimento na calzada e perda de parte dos peitorís orixinais.
O proxecto inclúe a consolidación e reforzo da estrutura mellorando o solo aluvial sobre o que está cimentada a ponte mediante a execución de columnas. Así mesmo, mellorarase a cohesión, compacidade e impermeabilización co fin de garantir a estabilidade da bóveda. Por outro lado, para reparar os muros de acompañemento, desmontaranse a parte superior e montarase de nova cunha cachotería construída utilizando pedras recuperadas e reconstruírase a parte que actualmente está derrubada. Os traballos contemplan tamén a reposición dos peitorís que se perderon seguindo as características dos orixinais así como reparación do antigo lousado do pavimento. Por último, colocarase unha sinalización de límite de peso e velocidade co fin de minimizar a repercusión do paso de vehículos pola ponte.
SOURCE: Obras en Leiro e Celanova