O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, lembrou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), a través da Fundación Biodiversidad, mantén aberta a liña de axudas para apoiar a contratación de persoas desempregadas no ámbito da economía verde e /ou azul. Emilio González sinalou “a importancia de impulsar a economía sostible nun momento no que é preciso cambiar o modelo económico por outro que sexa máis respectuoso coa natureza, resiliente, baixo en emisións de carbono e inclusivo”.
O subdelegado do Goberno explicou que coa “Convocatoria Emplea”, dotada cun orzamento de 5 millóns de euros, estase apoiando directamente a contratación no ámbito da economía verde e/ou azul de persoas desempregadas a tempo completo, por un período mínimo de 6 meses, entre maio de 2019 e marzo de 2021. Poden solicitar estas axudas entidades que estean vinculadas directa ou indirectamente con este tipo de economía ou entidades que, non estando vinculadas, xeren emprego que contribúa a unha liña de negocio sostible ou a unha mellora ambiental na entidade. Os solicitantes poderán ser persoas xurídicas privadas, con ou sen ánimo de lucro, e tamén persoas físicas que actúen como empregadoras.
O reparto de fondos para as Comunidade Autónomas aplícase segundo o obxectivo de desenvolvemento. Así, as axudas á contratación en Galicia parten de 3.040 euros por contrato e poderán ser de ata 3.440 euros se a persoa contratada pertence a algún dos colectivos prioritarios (mulleres, persoas mozas ata 35 anos, maiores de 45 anos, persoas con discapacidade ou residentes en áreas protexidas e/ou zonas rurais).
Emilio González destacou que para o Goberno de España é fundamental apostar pola economía verde para abordar os grandes retos actuais como a crise xerada pola COVID-19, a perda de biodiversidade, o cambio climático e a despoboación, que requiren solucións baseadas nunha economía xusta e sostible.
Neste contexto enmárcase esta liña de subvencións, cuxo prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 15 de marzo (para recibir a axuda antes de outono de 2021) ou ata o 30 de setembro de 2021.
Esta convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, enmárcase dentro do Programa empleaverde, que desenvolve dende hai anos a Fundación Biodiversidad, e que ten como obxectivo a creación de emprego, a mellora da empregabilidade e o apoio á creación de empresas na economía verde e azul, con especial énfase nunha economía vinculada á conservación da natureza, baixa en carbono e circular.
Para obter máis información, as persoas interesadas poderán dirixirse á web https://contratacion.empleaverde.es/
SOURCE: economía verde