O delegado territorial da Xunta en Ourense, desprazouse a Berrande, concello de Vilardevós, para supervisar, acompañado do alcalde, Manuel Cardoso, as obras de rehabilitación da igrexa de San Bartolomeu na que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste preto de 200.000 euros.
A igrexa parroquial de San Bartolomeu de Berrande é un ben incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia de estilo barroco e construído no ano 1792. Conta cunha planta de cruz latina con naves simples, cubertas cunha bóveda de pedra excepto na área do cruceiro. Na entrada principal, aos pés do templo, existe un pequeno espazo intermedio que serve de base a unha torre-campanario de tres corpos, o elemento mais barroco da igrexa e sobre o que se localiza a tribuna.
As actuacións abarcan, entre outras accións, a substitución integral da cuberta existente, incluíndo a súa estrutura de madeira e material de cubrición, intervencións de limpeza e rexuntado, a colocación dunha estrutura metálica singular sobre o oco existente na torre do campanario para evitar a entrada de auga, a restauración do sistema portante das campás, a renovación das carpinterías existentes e a substitución do pararraios da instalación.
Para poder desenvolver os traballos necesarios, o Goberno galego asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Ourense para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración de varios inmobles eclesiásticos, entre os que atopa a igrexa de San Bartolomeu de Berrande.
SOURCE: Alén visita obras en Berrande