A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, acaba de licitar por importe de case 3,6 millóns de euros as obras de mellora do firme e do reforzo da seguridade viaria do treito autonómico da estrada N-525, na contorna dos polígonos empresariais de San Cibrao das Viñas e de Barreiros.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou a actuación da Xunta coincidindo co inicio, da contratación dos traballos. No acto tamén participaron o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, e representantes das asociacións de empresarios do Polígono de San Cibrao e do Polígono de Barreiros.
As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 7 de abril para presentar as súas ofertas. O obxectivo, segundo avanzou a titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, é iniciar as obras este mesmo verán e axilizalas ao máximo para poder rematalas este mesmo ano, pese a que o prazo de execución é de 12 meses.
Ethel Vázquez explicou que se trata de mellorar o treito autonómico da estrada N-525, 14 quilómetros de vía que tivo que asumir a Xunta para poder executar o novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas. O obxectivo da actuación é reforzar a seguridade viaria, facilitar os movementos cara ás zonas industriais e ofrecer maior seguridade e comodidade nos desprazamentos.
Lembrou que esta é unha vía moi transitada, pola que discorre o tráfico pesado que se achega aos polígonos e que rexistra ata case 20.000 vehículos ao día ao seu paso por San Cibrao, rebaixándose o tráfico ata os 5.500 vehículos ao día en Taboadela e aos 4.300 en Allariz.
A titular de Infraestruturas detallou que se mellorará o firme, con reparacións superficiais ou máis profundas, en función do deterioro, estendendo unha nova capa de rodadura en todo o treito, ao longo dos 14 quilómetros de titularidade autonómica.
Tamén se executarán intervencións encamiñadas as reforzar a seguridade viaria en varias interseccións ao longo de todo o trazado. Concretamente, actuarase na intersección de Taboadela; mellorase a intersección co enlace que vai ao polígono de San Cibrao das Viñas e tamén ao propio núcleo de San Cibrao; adecuarase a glorieta de Gundiás; e a intersección existente actualmente en Santa Leocadia transformarase nunha glorieta, para favorecer os xiros e maior fluidez do tráfico.
Como actuacións complementarias procederase á execución de gabias de seguridade, á renovación da sinalización horizontal, ao repintado de todo o treito e á limpeza das marxes.
En palabras de Ethel Vázquez, trátase dunha actuación “completa e ambiciosa” para mellorar os 14 quilómetros da estrada OU-525, que continúa a aposta que vén realizando a Xunta por favorecer as comunicacións co polígono industrial de San Cibrao no que operan máis de 400 empresas e 8.500 traballadores.
SOURCE: Melloras N-535