Decrecendo

O problema do náufrago: cando o diñeiro é inútil

A crise económica e social derivada da Covid-19 puxo de relevo un problema xa existente: que o diñeiro non vale para nada se non se pode comprar nada útil con el. Esta situación ten reflexo na metáfora do náufrago nunha illa deserta, o diñeiro non lle axudará a sobrevivir. Os bloqueos e as restricións déronnos unha idea dun futuro no que o diñeiro pode non valer nada simplemente porque non hai nada que se poida comprar con el. É un problema, en última instancia, relacionado co inevitable esgotamento dos combustibles fósiles que forman a base da nosa economía: con menos enerxía, non podemos seguir fabricando as cousas que permiten gozar dun consumo que ten un alto compoñente de exhibicionismo, é dicir, consumo para que outros vexan o que eu consumo e canto consumo, o “consumo ostensible”.

Sabemos que a historia nunca se repite, pero rima.
Xa desde o Imperio Romano practicábase este consumo ostensible, os ricos eran enormemente ricos, pero algo da súa riqueza filtrábase ao resto da xente. Seguramente, en todos os chanzos da escala social, a xente participaba no xogo do consumo para manterse ao día cos veciños. O diñeiro foi e é unha ferramenta para o comercio, por suposto, pero tamén unha forma de establecer a xerarquía social.

Volvendo á imaxe do náufrago, non hai moito que se poida comprar con diñeiro nunha economía colapsada, e así estamos todos, náufragos, e iso demostrouno máis claramente a pandemia da Covid-19. Pensen nisto: pechados na casa, sen ir a un restaurante, facer unha viaxe, tomar algo, ir á praia ou a bailar, ou con restricións no uso normal previo á pandemia. Non é que o comercio desaparecese, aínda podemos comprar calquera cousa que quixésemos en plataformas da internet e recibila na casa, con todo, o diñeiro non é só unha ferramenta para comprar cousas. É unha ferramenta para establecer a xerarquía social mediante o xogo do consumo ostensible. Ese é un xogo que non se pode xogar só, en casa, fronte a un espello. Non máis do que un náufrago, só na súa illa, puidese ascender no seu status social comendo máis cocos.

Ao final, a pandemia simplemente sacou á luz algo que xa deberiamos saber: que non podemos permitirnos un consumo ostensible durante moito máis tempo. Quedar sen ouro non é un problema para nós. O problema é que aos poucos nos estamos quedando sen combustibles fósiles, e foron eses combustibles os que nos permitiron consumir tanto e desperdiciar tanto. A pandemia deunos unha idea do que virá.

E, como sempre, a historia segue rimando.
Nota: Extracto do post “The Problem of the Shipwrecked Sailor: When Money Becomes Useless” de Ugo Bardi, publicado no blogue “The Seneca Effect”.

Óscar Blanco

SOURCE: Artigo Decrecendo