Achegámonos a Gestoría Marcelino Díaz que cumple 65 anos de éxito no sector. Coñecemos os seus inicios, a súa evolución e os seus plans de futuro da man do seu director.
Cumprir 65 anos hoxe en día lonxe de apenar é todo un motivo de celebración. Pero cando quen festexa esta cifra é unha empresa local a ledicia é dobre, porque Gestoría Marcelino Díaz, lonxe de estar a punto de xubilarse, parece un mozo emprendedor con gañas de aprender e de medrar; renovándose e adaptándose aos avances para estar ao día dos continuos cambios que reclama a nosa sociedade.
Para coñecer un pouco máis de preto a un dos negocios ourensáns máis lonxevos fal05amos co seu director, José Manuel Díaz Barreiros, que nos da as chaves da súa longa historia e as súas señas de identidade: a cercanía e a confianza.
Cando Gestoría Marcelino Díaz cumple 65 anos, botemos a vista atrás. Cómo foron os inicios?
José Manuel Díaz: «A xestoría administrativa, axencia de seguros e da propiedade inmobiliaria foi fundada polo meu pai, Marcelino Díaz Fernández en 1956. A súa sede inicial foi na rúa Capitán Eloy nº28 (hoxe rúa Concordida) de Ourense e iniciouse con tres traballadores».
Como evolucionou nestos anos?
J.M.D.: «A evolución nestes 65 anos levouna a converterse nun grupo de empresas que ofrecen, servizos profesionais de xestoría administrativa, asesoría de empresas e correduría de seguros, que se prestan tanto a nivel local, autonómico e nacional. En 1980 cambiouse a sede ao domicilio actual en Ramón Cabanillas, nº 4-entreplanta, a unhas oficinas modernas e amplas de 300 metros cadrados (edificio construído por Marcelino Díaz). A empresa é de carácter familiar e durante todos estes anos traballaron nas nosas empresas preto dun cento de persoas. O uso da informática foi fundamental no avance e evolución».
Unha cifra, a do aniversario, que chama á xubilación, pola contra, traballades coas mesmas gañas de dar servizo que ao principio.
J.M.D.: «Cumprimos 65 anos e non pensamos en xubilarnos aínda. Hoxe estamos á fronte da dirección a segunda xeración: eu mesmo (José Manuel Díaz Barreiros, fillo do fundador) ademais de Rosa García (economista). E a terceira xeración ten as portas abertas».
Quen conforma Gestoría Marcelino Díaz?
J.M.D.: «Na actualidade o persoal do grupo somos 20 persoas, con perfís profesionais de avogados, economistas, xestores, corredores e consultores. Ademais, contamos cun equipo de administrativos formados en cursos superiores de xestión administrativa. Así mesmo, temos convenios asinados coa Universidade de Vigo, a CEO, centros de FP e academias para acoller alumnos en prácticas».
Que servizos ofrecedes?
J.M.D.: «Os servizos profesionais que ofrecemos na actualidade son de xestoría, asesoría integral de empresas (fiscal, laboral, contable e financeiro) e correduría de seguros. Ademais, asesoramos na Lei de Protección de Datos e Prevención de Riscos Laborais. Os noso servizos están dirixidos a pemes e autónomos».
Para manterse tantos anos está claro que a readaptación é imprescindible para toda empresa que queira perdurar no tempo. Cales foron as claves principais de Marcelino Díaz para esta lonxevidade?
J.M.D.: «A razón de perdurar tantos anos débese ao traballo serio, rigoroso, profesional e honesto que nos ensinou o fundador. Por suposto, tamén é chave saber renovarse e adaptarse ás necesidades do momento, mesmo adiantarse ao que vén, así como estar en constante formación. Soubemos converternos nunha empresa que atende as necesidades dos nosos clientes. De feito este ano ampliaremos as nosas oficinas cun local anexo que temos de 200 metros para prestar novos servizos. Pasaremos a ter unhas oficinas de 500 metros cadrados no centro de Ourense».
Neste século a evolución das novas tecnoloxías foi impresionante e vós non vos quedastes atrás. Esta adaptación serviu para dar unha mellor resposta ao cliente?
J.M.D.: «O uso das novas tecnoloxías foi fundamental no noso éxito. Hoxe as nosas actividades profesionais desenvólvense telemática e dixitalmente. A xestión e tramitación de expedientes coas Administracións Públicas realízanse por estes medios, gañando en rapidez e economía para os nosos clientes. Adaptámonos continuamente aos avances para estar ao día e non perder o carro da modernidade e o progreso».
Coa pandemia viuse o necesario que son as xestorías como Marcelino Díaz, xa que moitas pemes e autónomos tiveron que recorrer a vós para que os asesorarades. Como viviestes esta situación?
J.M.D.: «Por mor da pandemia pola Covid-19 creamos rapidamente unha oficina de atención ás pemes e autónomos especializada en tramitación de axudas e subvencións (da Xunta de Galicia, Goberno, Deputación, Concellos, Igape,…), así como asesoramento na solicitude de préstamos ICO (coas súas carencias e moratorias). Tamén asesoramos aos nosos clientes na condonación/rebaixa de rendas de aluguer de locais comerciais e naves industriais. Así mesmo, tramitamos os ERTES para que as empresas puidesen ter aos seus traballadores suspendidos e cobrando do paro así como as cotizacións sociais. Tramitamos ante as Mutuas de Accidentes os cesamentos por actividade dos autónomos. En definitiva, estamos á altura das circunstancias como en crises anteriores, aínda que esta está a ser moi dura e complexa».
Digamos que, nesta situación tan difícil, sodes a luz para autonómos á hora de orientalos, por exemplo, para pedir as diversas axudas aprobadas pola pandemia da Covid-19.
J.M.D.: «Exacto. Os Fondos de Recuperación Económica e Resiliencia (Next Generation) son unha oportunidade única para o sector empresarial. A Unión Europea aprobou 140.000 millóns de euros para España. Por iso, desde aquí animo ás pemes e autónomos a que se informen e asesoren sobre os mesmos pois a convocatoria abrirase en breve e coa presentación de proxectos empresariais poderán modernizarse en actividades industriais, comerciais e de servizos. No período 2021-2023 a Unión Europea aprobou 72.000 millóns de euros de axudas directas para España e o resto será vía financiamento. Sectores como mobilidade, I+D+I, ciencia e innovación, infraestruturas, cultura e deporte, enerxías verdes e renovables, sustentabilidade, políticas de emprego, saúde pública, etc.».
Cales son os vosos próximos objetivos, sempre co fin dar un maior servizo ao cliente?
J.M.D.: «A nosa intención este ano é seguir medrando, ampliando os nosos servizos profesionais adaptándoos ás demandas dos nosos clientes e xa creamos o gabinete de apoio ao emprendedor, punto PAE, en materias como mercadotecnia, publicidade e uso de novas tecnoloxías, con expertos profesionais nestas materias.
En definitiva, agardamos que co noso esforzo e traballo podamos seguir prestando os nosos servizos profesionais nas mellores condicións moitos máis anos. E para rematar, aos nosos clientes e amigos/as agradecémoslles a súa confianza, fidelidade e amizade ao longo de todo este tempo».
José Manuel Díaz Barreiros
José Manuel Díaz Barreiros pertence á segunda xeración da empresa e actualmente ocupa o cargo de director. Con 56 anos (1965-Ourense) Díaz Barreiros é Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, Procurador dos Tribunais, Xestor Administrativo, Corredor e Perito Xudicial de Seguros. Ademais, conta con másters en Asesoría Xurídica e en Dirección de Asesoría Fiscal de Empresas polo Instituto de Empresas (Madrid). Foi vicepresidente da CEO (2013-2019) e actualmente é membro do seu comité executivo e xunta directiva, así como da Confederación de Empresarios de Galicia. Tamén presidiu a comisión de Profesionais da Cámara de Comercio de Ourense, foi membro do Consello Social da Universidade de Vigo e da Fundación Galega Empresa Universidade (Feuga).
SOURCE: José M. Díaz Barreiros, Gestoría Marcelino Díaz