A Xunta, na súa aposta polo desenvolvemento sostible, solicitará á Secretaría de Estado de Turismo que teña en conta o Plan de Sustentabilidade Turística para o proxecto Ourense Termal na convocatoria dos Plans de Sostenibilidade Turística en Destino do presente ano. A Xunta incluirá na nova convocatoria o proxecto promovido pola Deputación de Ourense.
Nunha visita do vicepresidente primeiro á Deputación de Ourense, onde mantivo unha xuntanza co presidente do organismo provincial, Manuel Baltar, Alfonso Rueda -que asistiu acompañado por Nava Castro, directora da Axencia Turismo de Galicia- recordou que tanto o plan Ourense Termal como o da Mariña lucense foron, entre os seleccionados polo Ministerio de Turismo na convocatoria do ano pasado, os que obtiveron maior puntuación da Xunta. Tendo en conta a súa importancia para os ourensáns e que a propia Secretaría de Estado de Turismo manifestou o seu interese en apoialos, a Xunta é partidaria de presentalos de novo. De aprobarse, sumaríanse aos de Santiago de Compostela e da Ribeira Sacra, seleccionados no 2020.
O turismo termal en Galicia é un dos recursos con máis potencialidade para a recuperación do sector logo dun ano marcado pola crise da pandemia. Galicia é a comunidade líder no conxunto do Estado en canto á oferta mineiro-medicinal, con máis dun 20% dos establecementos balnearios, e tamén a comunidade con maior número de distintivos de calidade nos establecementos termais.
Ourense conta cun importante número de concellos ricos en recursos termais, pero que precisan dun plan e de axudas para poder explotalos economicamente e como fonte de riqueza no turismo de saúde e benestar. O proxecto desenvolvido pola Deputación provincial é, ademais, unha oportunidade para xerar emprego na provincia, fixar poboación e frear a emigración. De aí que a Xunta aposte por presentalo de novo á convocatoria deste ano e que comprometa unha inversión de 1,3 millóns de euros, o 45% do orzamento total, para o seu desenvolvemento nos vindeiros tres anos.
SOURCE: plan de sustentabilidade turística