O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, salientou a oportunidade de conciliación que a nova orde de casas do maior abre para os concellos do rural ourensán. O representante provincial do Goberno galego desprazouse ao concello de Xunqueira de Ambía para visitar a casa do maior Cancela, onde estivo acompañado polo alcalde, José Luis Gavilanes.
Gabriel Alén lembrou que a provincia de Ourense acolle 12 dos 20 centros destas características que hai en funcionamento na actualidade, o que supón o 60% dos existentes. Ademais, subliñou que a convocatoria para este ano, aprobada a semana pasada polo Consello da Xunta, permitirá abrir 63 novos centros, e flexibiliza os requisitos dos concellos e o perfil do usuario que se pode beneficiar das axudas.
Así, a orde de axudas para 2021 permitirá que se adhira a este programa calquera concello que non teña centro de día ou un servizo similar, en lugar de unicamente aqueles que teñan menos de 5.000 habitantes como na actualidade. En canto ao perfil do usuario, o delegado sinalou que se amplía, e que as persoas que poden acudir a estes centros xa non terán que ter un grao de dependencia I ou II recoñecido, senón que poderán ser persoas autónomas.
No eido da ampliación do servizo, o delegado territorial da Xunta en Ourense recordou que as promotoras das casas do maior terán tamén a opción de asumir o desprazamento dos usuarios cara e desde o centro. Trátase dunha petición reiterada por parte dos usuarios e que agora poderá ser realidade cunha axuda adicional da Xunta de 5 euros por persoa e día para o responsable da casa do maior.
Investimento de 5,3 millóns de euros
O Goberno galego destinará 5,3 millóns de euros a crear máis de 80 novos centros en toda Galicia. Esta partida permitirá asumir os gastos de adecuación das instalacións e tamén o seu funcionamento diario.
En concreto, destinaranse 945.000 euros a adaptar as instalacións a este servizo, cunha cantidade límite de 15.000 euros por centro. Por outra banda, investiranse 4,4 millóns de euros para o mantemento dos centros, 19.600 euros anuais para cada casa do maior. Este orzamento inclúe o funcionamento do servizo ata o ano 2023, cando se actualizará a contía anual de mantemento.
SOURCE: Casas do Maior