Decrecendo

Sobre o colapso dixital: auxe e caída dos chips

Os chips e microprocesadores son os grandes protagonistas do desenvolvemento tecnolóxico mundial. Eses cada vez máis pequenos compoñentes están presentes en case calquera obxecto complexo que se prece. Desde computadores ata electrodomésticos de cociña, pasando por avións, coches e mesmo ese robot aspirador que xeorreferencia e mide as nosas casas mentres lles saca brillo.

O seu traballo silencioso mantén operativos millóns de servizos que, como funcionan, case non nos damos conta do dependentes que somos ata que deixan de facer o seu traballo, en moitas ocasións porque ese chip leva integrada unha data de caducidade en que debe deixar de funcionar para a supervivencia do mercado consumista.

Actualmente, e segundo o investigador Félix Moreno, tan só cinco países teñen a capacidade necesaria para fabricar os chips máis pequenos e avanzados: EEUU, China, Corea, Taiwán e Singapur. Outros países realizan chips de máis tamaño e menos potentes, ademais, os cinco mencionados non teñen interese comercial en espallar o seu “saber facer”.

E que ocorrería se esas fábricas fosen obxectivos bélicos, estivesen no punto de mira de ataques cibernéticos ou, sinxelamente, que quedasen sen a materia prima necesaria para a elaboración dos seus chips, por regra xeral, terras raras e materiais escasos extraídos de puntos do planeta dispares.

Esta última posibilidade empeza a deixarse ver nos medios de comunicación. Algúns exemplos: fabricantes de chips como Qualcomm advertiron que 2021 será un ano de escaseza a nivel global e sufriremos unha falta de subministración; AMD e Nvidia non teñen stock das súas tarxetas gráficas; as vídeo consolas PS5 e XBOX Series retardaron a súa elaboración por falta de semicondutores; General Motors planea deter a súa produción en tres plantas de América do Norte e pediu axuda ao goberno taiwanés para asegurarse a súa subministración. Volkswagen está a alertar diso. Nissan e Honda directamente reduciron a súa produción. Ata o controvertido Elon Musk ten problemas cos seus luxosos Tesla.
A UE queren agora abrir fábricas de chips no seu territorio pero, se hai escaseza de materia prima con que van fabricar eses chips? Non quedan materiais para tanto cacharro.

Como di Félix Moreno: “Non o vemos, pero do mesmo xeito que recibimos un fluxo constante de hidrocarburos, todos os días chegan a todos os países contedores e contedores cheos de microprocesadores […]. Un só día de corte deste fluxo e os prezos empezan a subir en todo o mundo. Unha semana e os prezos do stock restante dispararíanse. Un mes e habería caos mundial. Así de sinxelo».

Óscar Blanco

SOURCE: Colapso dixital