A Xunta aposta polo proxecto Ourense Termal na nova convocatoria dos plans de sostentabilidade turística da Secretaría do Estado de Turismo.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou nunha reunión de traballo co presidente e a xerente do INORDE, Rosendo Fernández e Emma González, e representantes da Fundación Juana de Vega para ultimar o proxecto Ourense Termal na convocatoria dos Plans de Sostenibilidade Turística en Destino do presente ano. A Xunta, na súa aposta polo desenvolvemento sostible, solicitará á Secretaría de Estado de Turismo na nova convocatoria este proxecto promovido pola Deputación de Ourense. De aprobarse, sumaríanse aos de Santiago de Compostela e da Ribeira Sacra, seleccionados no 2020.
O delegado territorial sinalou que “Ourense conta cun importante número de concellos ricos en recursos termais, pero que precisan dun plan e de axudas para poder explotalos economicamente e como fonte de riqueza no turismo de saúde e benestar”.
O proxecto desenvolvido pola Deputación provincial é, ademais, unha oportunidade para xerar emprego na provincia, fixar poboación e frear a emigración. De aí que a Xunta -subliñou Gabriel Alén- aposte por presentalo de novo á convocatoria deste ano e que comprometa unha inversión de 1,3 millóns de euros, o 45% do orzamento total, para o seu desenvolvemento nos vindeiros tres anos.
O turismo termal en Galicia é un dos recursos con máis potencialidade para a recuperación do sector logo dun ano marcado pola crise da pandemia. Galicia é a comunidade líder no conxunto do Estado en canto á oferta mineiro-medicinal, con máis dun 20% dos establecementos balnearios, e tamén a comunidade con maior número de distintivos de calidade nos establecementos termais.
SOURCE: Sostentabilidade turística