O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, visitou o centro histórico de Pazos de Arenteiro. O representante do Goberno galego aproveitou o percorrido pola localidade para explicarlle a nova orde de axudas para a compra de vivendas nos dez concellos da provincia, que teñen declarado un centro histórico e cuxas bases saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 15 de marzo.
O delegado territorial informoulle “que o pasado 16 de marzo abriuse o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar esta liña de axudas ata o vindeiro 1 de setembro”, e subliñoulle “que se trata da terceira convocatoria deste programa, que para 2021 contará cun orzamento de 600.000 euros, case seis veces máis que a dotación coa que saíu convocada o ano pasado”.
Deste xeito, os beneficiarios poderán optar a unha axuda de ata 15.000 euros para financiar a adquisición dunha vivenda xa construída (xa sexa nova, usada ou necesite de rehabilitación) localizada nun dos centros históricos existentes en Galicia. Na provincia, poderán acceder a este tipo de axudas os concellos de Allariz, Boborás, Celanova, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, Verín, Vilar de Santos e Xunqueira de Ambía.
A finalidade, salientou Gabriel Alén, é a de contribuír a fixar poboación de forma estable nestas zonas, lugares emblemáticos e cunha grande riqueza patrimonial e arquitectónica.
Novidades da terceira convocatoria
Entre as principais novidades desta terceira convocatoria, o delegado territorial subliñou que, por unha banda, se elimina o requisito de ser menor de 35 anos para poder optar ás axudas, de tal xeito que se estende a consideración de potencial beneficiario ao conxunto dos galegos, co fin de favorecer o asentamento de poboación nos conxuntos históricos.
Os mozos e mozas, en todo caso, poderán seguir optando ao programa e mesmo se verán beneficiados con respecto a outros colectivos. Así, o importe da subvención variará en función da idade do solicitante, de forma que se a vivenda foi adquirida por unha persoa maior de 35 anos, o importe máximo a percibir será de 10.800 euros; unha contía que se ampliará ata os 12.800 euros cando os solicitantes sexan menores de 35 anos.
Así mesmo, no suposto de que a vivenda estea situada nun ámbito declarado Área Rexurbe –nestes momentos na provincia en Ribadavia -, a contía elevarase ata 15.000 euros, independentemente da idade do beneficiario.
A outra gran novidade da orde de axudas deste ano refírese aos requisitos económicos de acceso, medida coa que se busca tamén ampliar o abano de potenciais beneficiarios. Neste sentido, o límite de ingresos dos solicitantes elévase ata 6,5 veces o IPREM (48.877,33 euros), o que correspondería a case o 90% dos fogares galegos, co fin de adecuarse aos prezos actuais do mercado inmobiliario e máis concretamente, á realidade do custo da vivenda nos centros históricos.
Estas axudas enmárcanse no chamado Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, unha folla de ruta consensuada previamente cos principais colectivos profesionais implicados no sector e coas asociacións de consumidores co obxectivo de chegar neste período a unhas 70.000 familias galegas.
Dáse así un paso fundamental para impulsar as políticas de vivenda e rehabilitación en Galicia de cara aos vindeiros anos dunha forma consensuada e en sintonía coas demandas existentes en materia de vivenda.
SOURCE: Vivendas centros históricos