O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, recibiu ao alcalde do concello de Punxín, Manuel Vázquez, para atender a súa solicitude de información sobre as axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, destinadas aos concellos de menos de 5.000 habitantes para a execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración que veñen de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado mércores, 24 de marzo, por importe de 4 millóns de euros.
O delegado territorial explicoulle ao alcalde que mediante esta convocatoria para o exercicio 2021, subvencionaranse os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro na execución de obras necesarias para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento municipal; nas obras dirixidas á execución de actuacións de modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes; ou os destinados á construción de novas infraestruturas.
Gabriel Alén sinaloulle que o importe destas axudas terá un límite máximo de 50.000 euros por solicitude e cada concello poderá presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento, e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración, e detalloulle que as subvencións distribuirase en dous grupos, o 50% do importe destinarase a obras executadas en sistemas de abastecemento e outro 50% restante a obras executadas en sistemas de saneamento e depuración.
O delegado territorial subliñou que “con esta liña de axudas o Goberno galego segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños e veciños dos municipios máis pequenos de Galicia”
Prazos e compatibilidade
Os concellos interesados dispoñen dun mes de prazo para a presentación de solicitudes, contado a partir do día 25 de marzo. Deberán presentar as ditas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.
Estas subvencións, compatibles con outras axudas, inclúen tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.
Esta nova actuación da Xunta conta coa financiación do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
SOURCE: Axudas de abastecemento, saneamento e depuración