O pavillón dos Remedios acolle a súa primeira cita nacional despois da súa remodelación. O Campionato de España Infantil de Karate que terá lugar do 16 ao 18 de abril. Participarán preto de 700 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e xuvenil (dende os 7 ata os 13 anos) dos que 44 serán deportistas galegos de 15 clubs da comunidade.
Na presentación estiveron presentes o secretario xeral do Deporte, José Ramón Lete Lasa; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, ademais do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome.
Lete Lasa destacou a importancia do “deporte para toda a vida”, un dos lemas do Plan Galicia Saudable que ten na plataforma DAFIS, unha das súas ferramentas máis importantes, orientada a toma de valoracións da actividade física e da saúde dos nenos para que tanto os seus profesores, como os seus pediatras e os responsables deportivos teñan acceso a estes datos e así establecer programas adecuados que contribúan á mellora da súa saúde.
Neste sentido tamén destacou como a Xunta de Galicia faise cargo do seguro deportivo escolar e federado para os nenos de entre 6 e 16 anos ou como o estudo do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña do SERGAS revela que a actividade física mellora substancialmente a forma física e a saúde dos nosos nenos e nenas e que os brotes detectados no deporte galego apenas afectan ao 0,2% dos equipos.
Carmiña Barro
O mandatario galego tivo tamén unhas verbas de lembranza para Carmiña Barro Pita, a que fora presidenta da Federación Galega de Karate e tristemente desaparecida en xaneiro de 2020. “Unha muller que dedicou boa parte da súa vida a promover o karate a nivel automómico, desde a presidencia da Federación Galega e a nivel estatal, desde a vicepresidencia da Federación Española. Carmiña foi, é e será parte da historia deste deporte tan nobre como o era ela”, sentenciou.
Por último, o secretario xeral comprometeu o seu traballo para seguir promovendo o karate para que, entre outros obxectivos, siga sendo olímpico tras os Xogos de Toquio 2020.
SOURCE: Campionato de España de kárate