O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse primeiro co alcalde de Amoeiro, José Luís López, e posteriormente co alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, para presentarlles unha proposta de convenio que permitiría levar a cabo unha mellora integral dos centros de saúde de ámbolos dous concellos.
O orzamento previsto é de algo máis de 14.600 euros no centro de saúde de Amoeiro e de 75.448 euros no centro de saúde de Manzaneda. Nos dous casos, sería financiado a partes iguais pola Xunta e polos Gobernos locais ao tratarse de edificios de titularidade municipal.
A Xunta de Galicia foi a encargada de realizar os informes da situación actual dos edificios e elaborou as propostas de convenio que se lle presentou aos alcaldes. Desde o Goberno galego levaríanse a cabo as obras de forma coordinada para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a estes centros.
O delegado territorial da Xunta trasladoulle o informes realizados pola Consellería de Sanidade no que se reflicte a necesidade de levar a cabo as actuacións de rehabilitación da cuberta do centro de saúde de Amoeiro, e de reparación da cuberta, reforma do aseo para a súa adaptación a persoas con mobilidade reducida, substitución da caldeira e cadro xeral de baixa tensión no centro de saúde de Manzaneda.
Gabriel Alén puxo en valor estes investimentos para mellorar a calidade asistencial dos centros de saúde e para facilitar os seus usos por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para proporcionar aos veciños destes concellos unha atención primaria máis próxima, máis moderna e mellor adaptada ás súas necesidades.
A Xunta de Galicia xa construíu ou renovou un total de 83 centros de saúde dende o ano 2009, o que supuxo actuar sobre case 70.000 m2 cun investimento de máis de 100 millóns de euros na mellora das infraestruturas de atención primaria. Ademais, os vixentes Orzamentos da Xunta para 2021, os primeiros da lexislatura, duplican os investimentos en atención primaria ata os 55 millóns de euros.
SOURCE: Centros de saúde de Amoeiro e Manzaneda