O Concello de Ourense avanza na elaboración do novo Plan Especial de protección do sitio de interese histórico das fontes termais das Burgas e do conxunto de interese histórico da cidade de Ourense. O salón de plenos acolleu a xuntanza da comisión de seguimento do plan, na que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, representantes de todos os grupos políticos con representación no Concello e técnicos municipais. Na reunión deuse conta da evolución dos traballos realizados até o de agora, e os participantes emprazáronse a un novo encontro no mes de xuño, cando os grupos políticos municipais presentarán as súas propostas.
Técnicos municipais deron conta dos traballos realizados desde a anterior comisión, como son o axuste das ordenanzas xa redactadas á Lei 1/2019 de Rehabilitación. Tamén se volveron deliñar 21 das 53 mazás do ámbito de actuación do actual parcelario, case a totalidade da zona Sur, e iniciáronse os estudos económico-financeiro, e os estatísticos de edificabilidade, edificios e vivendas, comerciais e usos e demografía. O ámbito inclúe un total de 1.060 edificios, 3.170 vivendas e 1.345 garaxes.
Un dos aspectos que se subliñaron na xuntanza foi o significativo descenso de poboación na zona, que pasou de 5.793 habitantes en 2012 a 4.145 en 2020. Unha redución de máis de 1.500 persoas (en 8 anos) que se concentra especialmente nas zonas onde se desenvolve a actividade hostaleira. Un fenómeno que vai ser estudado polo miúdo por parte do Concello.
Os técnicos municipais informaron tamén de que xa están redactados os pregos de condicións técnicas para contratar a cartografía e para a elaboración do inventario – catálogo de especies arbóreas.
SOURCE: Plan Especial das Burgas