O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou as instalacións de Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home Galicia en Ourense, para recoller as súas propostas de cara á futura Lei sobre prevención das adiccións en menores en Galicia, que está en período de consulta previa.
Este novo documento englobará toda a normativa en materia de prevención das condutas aditivas en menores. Como principal novidade, a norma vai incorporar medidas de prevención doutras adiccións sen substancia e da problemática ocasionada polo uso das tecnoloxías dixitais e, en particular, coas relacionadas co uso das redes sociais e os videoxogos.
Con esta nova lei, búscase solucionar problemas como o elevado consumo de substancias, legais e ilegais, por parte da mocidade e a idade temperá na que os mozos se inician no consumo. Tamén pretende solventar a dispersión das normas relativas a venda, subministro, consumo, publicidade, promoción e patrocinio das principais substancias psicoactivas, coa conseguinte dificultade para o seu coñecemento por parte da cidadanía e das institucións. Así mesmo, abordará medidas fronte ao incipiente desenvolvemento de problemática relativa a videoxogos, uso problemático de internet e das redes sociais.
Co fin de recoller ideas sobre as medidas e contidos que o texto debería incorporar, a Consellería de Sanidade está a programar encontros con distintas entidades e abriu unha canle de participación no Portal de Transparencia para todos os cidadáns interesados en achegar as súas suxestións.
Convenio coa Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home Galicia en Ourense
Acompañado da xefa territorial da Consellería de Sanidade, Laura López, e da nova directora do Proxecto Home Galicia, Ofelia Debén, o responsable da Xunta destacou o compromiso do Goberno galego con entidades que, coma Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home Galicia en Ourense, traballan no eido dos trastornos aditivos.
Neste 2021, o departamento sanitario do Executivo autonómico destina máis de 10 millóns de euros ao desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con este tipo de condutas na Comunidade.
O delegado territorial recordou que a Consellería de Sanidade, a través do Servicio Galego de Saúde, vén de asinar con esta fundación un convenio de colaboración para o desenvolvemento de programas de atención integral e rehabilitación de persoas con problemas derivados do consumo de drogas, alcohol ou condutas de xogo patolóxico na nosa Comunidade, por un valor de 946.588,5 euros.
A Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home Galicia conta en Ourense cun centro de acollida e reinserción e unha comunidade terapéutica urbana de 18 prazas, e programas de ludopatías e de inserción sociolaboral. A través da comunidade terapéutica desenvolve un programa de apoio a domicilio cada quince días para aquelas persoas que non poden seguir o programa ambulatorio. Asemade, esta fundación conta cunha comunidade terapéutica intrapenitenciaria, en Pereiro de Aguiar.
SOURCE: Proxecto Home