Cada vez que Jorge Emilio Bóveda saca un libro, achegámonos para coñecelo máis de preto. Nesta ocasión, a súa última obra é O libro cero, novela que trae de regreso a un dos personaxes máis recoñecidos da súa bibliografía: Pastor Páez. Novo relato deste escritor ourensán que nos permite viaxar a outros lugares sen saír de casa, nesta época de pouca mobilidade.
Novas aventuras de Pastor Páez. Que atopará o lector cando lea O libro cero?
Jorge E. Bóveda: «Atopará un libro cuxa lectura pódese acometer dende diferentes ángulos. É un libro sobre libros cun personaxe moi maduro e evolucionado pero, á súa vez, é un libro de viaxes neste tempo de pandemia no que o lector poderá camiñar por Madrid, Londres ou Atenas sen saír da súa casa».
20 anos de Pastor Páez, como foi crecendo o personaxe ao longo deste tempo?
J.E.B.: «Foi madurando a medida que o facía eu, pero sempre dende a súa independencia porque, precisamente, un dos piares do libro é a independencia dos personaxes con respecto aos seus creadores. No ano 2001 Pastor Páez era un home desmotivado, apático e funcionario gris nunha cidade onde nunca pasaba nada. Pero foi evolucionando cos zorregazos que lle foi dando a vida ata chegar a O libro cero, onde é unha persoa moi culta, de moitas lecturas, decepcionada coa vida e coa sociedade á que xa non lle importa quedar ben ou mal e que só procura ser fiel a si mesmo».
A pesar dos 20 anos había máis de 10 que non se sabía del, cal foi o motivo para recuperalo?
J.E.B.: «Os personaxes dos meus libros sempre son os mesmos e están entrelazados nas distintas historias que teño escrito. A Pastor téñolle moito cariño porque é o personaxe que representa a evolución interior e o desenvolvemento persoal. Digamos que é o meu Adrián Solovio particular (Arredor de Si. Otero Pedrayo). Logo, tamén son recoñecibles na miña obra literaria e saen en varios libros Leopoldo Pardo (As sete mortes de Leopoldo Pardo), Desiderio García (Deserto García), Alexandre Ossorio (A disciplina de Ossorio), as Galanas (O monstro de Ille), Breogán Bouza (O sol do pasado), etc.».
Por que esta novela e por que agora?
J.E.B.: «En primeiro lugar porque foi decisión da Editorial Galaxia a súa publicación e, en segundo lugar, porque é unha novela de viaxes exteriores e interiores e xa pertencemos a unha época na que unha pandemia nos obrigou a renunciar ás viaxes exteriores dándonos so opcións a viaxar coa mente.
Os que conecten coa forma de ser de Pastor Páez gozarán coa súa viaxe interior e os que non acaden tanta empatía con el pódeno pasar moi ben coas súas peripecias por diferentes países».
O protagonista quere pechar un círculo para dar comezo a outra nova vida?
J.E.B.: «Si, el era inspector na Policía Nacional e, cando descubriu o pracer da lectura e dos libros, aprendeu que a única arma válida para pasar pola vida debería ser a intelixencia sempre guiada cara a ética e a xustiza. E foi precisamente a súa rectitude a que o degradou como policía ao tentar que unha persoa moi influente pagara polas súas actividades delictivas. Desencantado, quere comezar todo de novo; resetear dende Grecia, que é o berce da civilización occidental. Un auténtico inxenuo, a verdade».
Fálase dunha novela metaliteraria.
J.E.B.: «A súa estrutura é a dunha esfera armilar na que se interconectan os camiños, literatura dentro da literatura, pero non debe preocupar ao lector a priori xa que, ao mesmo tempo, é unha novela lineal de viaxes polo mundo. A súa complexidade vaise descubrindo cara o seu final que é insospeitado».
Pode ser a máis intimista de Bóveda?
J.E.B.: «Podería pensarse pero, realmente, quen reflicte a súa personalidade é Pastor Páez, non eu. É a súa propia evolución como personaxe durante estes últimos vinte anos. Inda así, non podo negar que comparto moitas características con Pastor Páez porque, á fin e ao cabo, naceu das miñas neuronas».
Onde se pode adquirir O libro cero?
J.E.B.: «Nas canles habituais. En todas as librarías de Galicia».
SOURCE: O libro cero