Decrecendo

O canto do cisne

Recentemente o goberno publicou a axenda “España 02050”. Coido que recibiu unha acollida tibia para as mensaxes que deixa. Para que todo un goberno diga á súa cidadanía que hai que comer menos carne, viaxar menos, reparar máis a nosa roupa e aparellos… as cousas deben vir mal dadas. Seguramente, os seus analistas deberon facer un dobre traballo. Por unha beira, decatarse de que as cousas nunca serán como foron, e que xa son tristes protagonistas a crise climática, a escaseza de recursos, materias primas e enerxía, e que estas viron para quedarse. Por outra, como dicir sen dicir que hai que apertar o cinto, como crear un discurso politicamente correcto, que non quite votos, coa falsa positividade da vella política.

Deste dobre esforzo chega “España 02050”. Si, cun cero extra á dereita como indicando os anos que aínda lle quedan á humanidade (segundo a súa propia páxina web).
O problema deste documento de 676 páxinas (cun resumo de 13) é que propón medidas cosméticas que non entran no fondo do asunto. Múltiples estudios apuntan tres tipos de actitudes para afrontar o que nos ven enriba: a primeira, seguir as cousas como ata agora. “Business as usual”, lle chaman. Así, iremos directos cara ao desastre social e o colapso económico e medioambiental. Unha segunda vía intermedia, a economía verde que é como falar dun calvo melenudo ou da secura da auga. Unha medida insuficiente que só queda na superficie, como este documento. Imaxinen que a un fumador compulsivo, con cancro de pulmón, o seu médico, que tamén é o vendedor dos cigarros, lle receita auga con gas, pero nunca lle di que o principal é deixar de fumar. E, finalmente, a terceira vía: aplicar políticas decrecentistas onde non facer é chave. É mellor non comprar antes de telo que reciclar, é mellor non viaxar antes de pagar elevadas taxas por elo, e así con todo. Sempre aderezado con amplas doses de coidados, de solidariedade, de traballo compartido non economicista, etc. Este é o único escenario que permitiría un futuro humano e amigable, e non á barbarie e o sálvese quen poida ao que imos.

Pero as mensaxes empezan a entrar na sociedade. Hoxe na radio, alguén recomendaba analizar que insectos autóctonos que temos e empezar a comelos, mentres pechan temporalmente fábricas de vehículos en Vigo pola escaseza de chips, en Gasteiz porque non lle chega un plástico de Macedonia e ata a omnipotente Ford nos EUA dáse de cara coa realidade parando oito factorías. Tamén sobe o prezo da madeira, falta o xofre para facer cobre (quen necesita o cobre, eh?). Suma e segue.

Estas mensaxes van calando pouco a pouco na xente e coido que xurdirá unha forte reacción: se os voos van ser máis caros, imos viaxar agora antes de que suban. Se a carne vai desaparecer, imos comer ata fartar. Se vai reducirse o catálogo de roupa ou electrodomésticos, imos apañalos canto antes… E de súpeto, os números do PIB subirán, os críticos terán argumentos para dicir que todo foi superado e que chegaron os “brotes verdes”, ata que a burbulla económica e social estoupe definitivamente.
Será como ese canto do cisne que din que bota antes de morrer.

Óscar Blanco

SOURCE: O canto do cisne