A Biblioteca Pública Nós de Ourense dedicará as mostras de xuño ás mulleres que contribuíron cos seus escritos nas páxinas da revista Nós, ao centenario do cineasta Luis García Berlanga, e ao orgullo LGTBIQ+. Unha charla sobre a endometriose completa a programación deste mes, xunto ao habitual obradoiro de cómic, actividades infantís e clubs. Toda a información sobre as diferentes iniciativas pode consultarse na web do centro.
A través da mostra As mulleres de Nós, as persoas que se acheguen á biblioteca poderán coñecer as só nove escritoras que colaboraron na revista, as galegas Francisca Herrera, María Sánchez, Carmen Somoza, Purificación González, Dolores Fernández, Josefa Rodríguez e María Pura Lorenzana, así como a irlandesa Annie MacSwiney e a alemá Margot Sponer. O obxectivo é poñer en valor estas figuras, con esbozos biográficos e unha selección de materiais da súa autoría ou que tratan sobre elas.
Xunto ás mulleres de Nós, o cineasta Luis García Berlanga será outro dos protagonistas do mes de xuño no centro bibliotecario, co gallo do centenario do seu nacemento, o día 12. Para lembralo, habilitarase unha mostra das súas obras, libros sobre a súa figura e proxectaranse documentais. Ademais, a conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ terá tamén o seu espazo na biblioteca pública, con diversas accións divulgativas.
Canto ás actividades previstas, cómpre sinalar a charla Endometriose, a epidemia oculta, o día 24, en colaboración coa asociación QuerEndo e da man da súa presidenta, Cristina Fernández.
Contacontos e obradoiros
No que se refire ao público infantil, ao longo de xuño seguirán organizándose as sesións a prol da animación á lectura, con Contiños con Susana, os martes 1 e 8, para a cativada de catro a sete anos, e Mércores de Bebecontos, os días 2 e 9, para a de dous a catro anos.
O día 3, a rapazada a partir de seis anos, poderá participar no obradoiro de papiroflexia Natureza sobre papel, enmarcado na celebración do Día do Medio, o 5 de xuño. Para este grupo de idade tamén terá lugar un encontro con Arancha Nogueira, autora de A mestra corremundos, que percorrerá a vida das ourensás Pura e Dora Vázquez, o día 10.
Por outra banda, continúa o obradoiro de cómic para maiores de 12 anos, no que afondan na ilustración e nos aspectos da creación da banda deseñada. Realizarase os sábados 5 e 19 co debuxante Yago García.
En xuño tamén se manteñen os habituais clubs de arte, de lectura e de cinema. Este último, organizado en colaboración co Cineclub Padre Feijoo, inclúe un encontro mensual introdutorio arredor dun filme, estilo ou filmografía e unha proxección na Casa da Cultura.
SOURCE: Biblioteca Nós