Valida para menores de 21 anos que utilicen o transporte público interurbano.

A tarxeta ‘Xente Nova’, para viaxar gratis por Galicia

Todos os menores de 21 anos poden viaxar gratis no transporte público interurbano da Xunta por toda a comunidade. A Xunta fixo efectiva esta medida desde o 21 de maio (un día despois de ser publicada no Diario Oficial de Galicia), a resolución que facía estensiva a toda a comunidade a gratuidade no transporte público interurbano a este grupo de idade.
Así pois, con esta medida, todos os galegos menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús da Xunta, desde calquera dos 313 concellos de Galicia a calquera outro, ademais de no barco, no caso da ría de Vigo, e no ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol.

Tarxeta
A tarxeta ‘Xente Nova’ pode adquirirse en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas nas catro provincias. Para empezar a empregala cómpre cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se abonarán as viaxes e, posteriormente, será reintegrado no dispositivo.
A repercusión desta iniciativa é tal que actualmente son máis de 80.500 mozos menores de 21 anos os que xa viaxan de balde nos autobuses interurbanos da Xunta a través do emprego desta tarxeta.
Desde a implantación desta medida, realizáronse máis de 8 millóns de viaxes gratuítas, cun investimento por parte da Xunta que se sitúa en preto dos 8 millóns de euros.
A tarxeta permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas. A súa recarga pode efectuarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de xeito telemático mediante a banca móbil ou electrónica da citada entidade.
Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade trabállase para que proximamente os usuarios poidan levar a tarxeta no móbil e facer as recargas sen usar o caixeiro.
Na páxina web www.bus.gal pode ampliarse a información relativa a este dispositivo e as vantaxes que leva asociadas, así como o listado de todas as sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello, cos correspondentes horarios e rutas.

Iniciativa social
Esta iniciativa do Goberno galego, enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia, ten como obxectivos contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria, ao tempo que se fomenta o uso do transporte público e a mobilidade máis sustentable entre os máis novos.
Para ilustrar o impacto que a tarxeta Xente Nova está a ter nos petos das familias, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, puxo de exemplo o traxecto dunha moza de Verín que estude na cidade de Ourense, desde que o Goberno galego estendeu a toda a provincia as vantaxes deste dispositivo. Así, coa tarifa do contrato anterior, esta usuaria tería un prezo por viaxe de 4,55 euros, o que supón uns 200 euros ao mes desprazándose a diario. «Hoxe», dixo, «esta mesma estudante viaxa gratis todo o curso, o que supón para a familia case 1.800 euros de aforro nos 9 meses lectivos».

Resto da cidadanía
Ademais, o director xeral de Mobilidade, puxo o acento na incidencia do novo Plan de Transporte Público de Galicia nos descontos e políticas activas de prezos máis potentes, con independencia da idade, e que posibilita a todos os usuarios o acceso a elas. Aquí, seguindo co exemplo da estudante de Verín, explicou que segundo a moza vaia cumprindo anos, ou para o resto de usuarios, se dispón xa dun bono mensual ilimitado de 66€ se precisa facer as mesmas viaxes, o que supón un aforro de case 150 euros ao mes, 1.200 euros ao ano.

O director xeral de Mobilidade, destacou tamén nunha intervención no Parlamento de Galicia, que a Xunta está a impulsar prezos máis económicos para toda a cidadanía. Para iso, estase a traballar na constitución nos vindeiros meses da Área de Transporte de Galicia, que levará a toda a Comunidade os beneficios dos que gozan xa nos 65 concellos da contorna das cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo, integrados nas áreas de transporte metropolitano, a través do uso da tarxeta TMG.

Ignacio Maestro puxo en valor tamén o traballo da Xunta para facer realidade a modernización completa dos servizos de transporte público por estrada, onde apuntou como fundamental o papel da mocidade e, tamén, do novo Plan de Transporte Público de Galicia, “que rematou recentemente a súa implantación efectiva, froito dun traballo inxente”, dixo.

Destacou a planificación do Goberno galego ante a magnitude do proceso rematado ao longo do ano pasado, que supuxo implantar 127 contratos, a renovación de máis de 3.100 liñas de autobús, que cada mes poñen en circulación uns 300.000 servizos, trasladando a 26 millóns de viaxeiros ao ano, ademais de 43.000 escolares todos os días. A rede de servizos descrita, lembrou, supón un investimento autonómico que supera os 80 millóns de euros cada ano.

Maestro apuntou que a adhesión dos concellos que estean interesados suporá a despenalización total dos transbordos en autobuses interurbanos e bonificacións económicas en cada viaxe. Estes descontos, engadiu, de xeito complementario á oferta de bonos vixentes, suporán un aforro real adaptado ás circunstancias individuais dos cidadáns.

SOURCE: Tarxeta Xente Nova