O campo de Saleta en San Cristovo de Cea reunirá o próximo domingo, 3 de xullo, a 300 gaiteiros de 19 agrupacións chegados de todas as provincias galegas, Asturias e Portugal no XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, presentado no Pazo Provincial coa asistencia do vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández; o alcalde de Cea, José Luis Valladares; o presidente da asociación Queixumes dos Pinos, José Antonio Viñas; e o director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, Xosé Lois Foxo.
“Unha cita inescusable na axenda de todos os amantes da música tradicional e da beleza artística asociada aos certames de bandas de gaitas, nun concello que é e segue sendo terra de gaiteiros”, destacou Rosendo Fernández na súa intervención, sinalando que “non hai máis progresismo que dinamizar e colaborar co tradicional, máxime cando se trata do instrumento máis senlleiro que temos e onde a Escola Provincial de Gaitas representa a esencia da promoción dunha tradición que milleiros de alumnas e alumnas levan por todo o mundo”.
O director da Escola Provincial de Gaitas, organizadora do evento, Xosé Lois Foxo, explicou que con este certame “quixemos abrir unha porta ao mundo da gaita que tanto sufriu as consecuencias da pandemia, por iso é unha alegría a magnífica aceptación que tivo este evento”. Foxo tamén subliñou que a presente edición estará dedicada a Xosé María Alfonso García Castro “Muíño”, ao que cualificou como “o segredo das gaitas e un home que fixo un enorme servizo pola promoción das bandas”.
Pola súa parte, José Antonio Viñas, en representación de Queixumes do Pinos como entidade colaboradora, subliñou a importancia da colaboración institucional “para desenvolver proxectos que poñan de relevo, dinamicen e dignifiquen a nosa música e folclore, xerando ilusión e paixón en torno á nosa cultura popular”.
Pechou as intervencións o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, que agradeceu a elección de Xosé Lois Foxo para organizar o certame no seu concello, coincidindo coas datas nas que se celebraría a Festa do Pan de Cea, “un momento moi importante para nós pero que polas circunstancias actuais non podemos celebrar”. O alcalde, que lembrou a gran tradición gaiteira da súa terra, expresou o seu desexo de que os visitantes “poidan gozar da música tradicional, pero tamén dun concello situado na Vía da Prata e onde o pan é arte”.
O XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, Memorial “Muíño”, na súa primeira fase, reunirá a 300 gaiteiros de 19 bandas -catorce da provincia de Ourense, outras tres da Coruña, Lugo e Pontevedra, unha de Asturias e outra máis de Portugal– que comezarán as súas interpretacións ás 11.00 horas no campo da Saleta. O programa de actividades inclúe a presentación do libro Temperando la gaita gallega y su mundo de Fernando Molpeceres, así como a exposición de 16 cornamusas primitivas que e ata o 15 de agosto poderá verse no Multiusos de Cea.
SOURCE: Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas