Seguramente, a mocidade dos anos sesenta, non esquecerán xamais aqueles bailes amenizados pola entrañable orquestra Monterrey. Foi no café “Buenos Aires”, onde seis intrépidos rapaces facían as delicias, dunha xuventude apaixonada. Eles eran Xaime, Narés, Manolo, Perrallo, Nito e Totó. Os sábados e domingos de sete a dez, con ledicia, animaban as andanzas dos mozos e mozas da comarca. Moitos deles namoraron para sempre coas cancións interpretadas maxistralmente por
Manolo o de Queirugás vocalista do grupo e líder indiscutible. Fun en busca del, e topeino na súa casa. Sentámonos no escano da cociña, e mil historias con mil preguntas saíron no faladoiro. Oitenta anos e unha memoria prodixiosa.
Paseniño, comezou o seu relato. “O grupo inicial formouno Narés, Xaime, Benxamín, o profesor Casanova de Ourense, e Lauréano “rabisaco”, magnífico trompetista, que aínda o gardo nas miñas lembranzas. Eles fundaron a Monterrey.
Eu, daquela era moi novo. Cando viñan a tocar o meu pobo polas festas, soñaba en ser coma eles. Porén, empecei as primeiras andanzas musicais, na orquestra “Verinense”. Eramos un grupiño de amigos, que buscabamos a vida. Foi unha tarde do 1959 en Lubián (Zamora), onde coincidimos a “Verinense” e a “Monterrey” mano a mano. Aquel día puxen todo o esmero e dedicación, os mestres non sacaban ollo da actuación. Despois de rematar a festa, Narés e Xaime viñeron na miña procura, e xa me levaron con eles para sempre. Foron anos marabillosos. A sala de festas do “Buenos aires” era a nosa casa. Alí tocabamos de inverno.
Santos, o teu pai, era o que organizaba o tinglado. Cantos bos recordos teño del, era meu amigo e cómplice. Gastamos moitas horas, pasamos moitas anécdotas, e cumprimos unha amizade extraordinaria. Faciamos os ensaios alí mesmo, na planta baixa, pola semana. O señor Juan “Ondas”, que tiña un comercio na rúa Lisa, proporcionaba en aluguer os altofalantes e un micrófono. Tíñamos mais dun cento de cancións no repertorio. Sempre tratei de aprender as letras con rigor. Lembro con nostalxia, o primeiro tema que interpretei ca Monterrey, “Maruzzella” unha fermosa canción italiana. Procurabamos estar ao día, coas cancións de moda, porque o público no lo agradecía sempre con agarimo e complicidade».
Manolo fixo unha pausa. Sacou unhas cervexas para refrescar e aliviar as emocións. De súpeto soltoume. «Neno, e que saibas que non todo foi alegría, tamén houbo algún momento complicado. Cóntoche. Foi nun baile de Entroido, cando un alporizado tenente da Garda civil, entrou no local, desfacendo a festa con contundencia, alegando que as máscaras estaban prohibidas por ordenanza gobernativa. A forza da xuventude raiota fíxose notar e formouse unha revolta indescritible. Acudiron todos a porta do Casino onde bailaban os señoritos sen restrición algunha. Os berros de Viva Rusia! fixeron “pupa” nas autoridades, e días despois, o local “Buenos aires” e os músicos da Monterrey recibimos dez pesos de multa, por incumprimento da normativa. Ai rapaz, que tempos!, espetoume cun suspiro emocionado. Logo pregunteille polo éxito que tiña entre as rapazas. «Sempre fun respectuoso coas mozas que viñan aos bailes, dicían que eu era resultón e claro, ao ser o cantante da orquestra resaltaba un pouco máis que os demais, pero si che conto a verdade os auténticos artistas eran eles. Unha tarde en Bembibre (León) coincidimos coas grandísimas orquestras Compostela e Bellas Farto do Ferrol. Nós eramos unha miniatura ao carón daquelas “bestas”. Todos arrimaban cara eles, pero non bailaba nin dios! foi entón cando Pepe “Perrallo” despregou o seu acordeón, e con raza verinense puxo a festa patas arriba. Narés e Xaime, fixeron o propio con “solos” de saxo impresionantes, quedando a xente abraiada. Toda a xuventude bailando sen parar ata o fin do turno. Eu fixen o que me tocaba, cantei e desfrutei coma nunca naquela inesquecible noite de verán. Daquela aprendín, que só compre corazón e sentimento, para tocar o ceo».
E así, fun pasando a tarde con Manoliño, aquel mozo guaperas, vocalista da Monterrey que namoraba coa mirada e cunha voz penetrante. Contoume emocionado moitas historias, anécdotas fermosas que apuntadas quedan no meu corazón. Cicais, algún día sacareinas á luz sen pudor, porque a nobreza daquel tempo, tiña unha chispa especial, onde o respecto e a amizade eran os valores máis prezados. Quixera adicar estas letras a todos aqueles que dalgún xeito desfrutaron con esta entrañable orquestra, e que hoxe, aínda poden contarlle aos netos, que daquela, a xuventude tamén era divina. Unha lembranza para os que xa non están, e un abrazo para os presentes e as súas familias de corazón. E como non, lembrarme tamén do meu pai, Santos, por contarme tantas e tantas historias fermosas desta orquestra e por ter o privilexio de vivila e desfrutala dende a verdadeira amizade. Gracias Manolo por agasallarme coas lembranzas da túa vida, e que viva por sempre a grandiosa orquestra Monterrey.
Miguel A. Prieto “Chitin”