Ademais, intensifícase a colaboración con outras administracións.

Mellora do dispositivo humano e material na loita contra o lume en Galicia

Galicia conta este verán cunha trintena de medios aéreos na tempada de alto risco, que coincide co verán, número semellante ao dos últimos anos, contemplando tanto os medios da Xunta como os do Estado.
Ademais, unha das novidades que contempla o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2021 é a incorporación de melloras tecnolóxicas relacionadas por exemplo coa implantación de novas funcionalidades para o cálculo dos custos de extinción, baseadas na aplicación de custos unitarios e tempo de traballo, o que facilitará despois a reclamación dos gastos en procesos xudiciais contra incendiarios.
Ademais, nesta tempada de alto risco implantouse o acceso ao persoal que intervén no incendio a toda a información operativa do lume, en tempo real. Isto significa coñecer o punto de inicio e evolución, os recursos asignados, os puntos de auga próximos, a cartografía, os datos meteorolóxicos, as descargas dos medios aéreos, etc.

Rede de cámaras
Por outra banda, consolídase a rede de vixilancia no monte con cámaras de última xeración, coa instalación este ano de 22 novos dispositivos, o que permite dispoñer xa de 142 en toda Galicia, localizadas en 71 puntos estratéxicos, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de Alto Risco de Incendios. Ata agora, as cámaras instaladas permitían cubrir o 60% do territorio galego e con estas incorporacións chegarase a abarcar unha porcentaxe aproximada do 70%.
Ademais, o operativo está de novo integrado por máis de 7.000 persoas en total, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os doutras administracións.
Sobre os medios terrestres, cómpre indicar o incremento de 19 motobombas máis por parte dos concellos, que se suman ao dispositivo de loita contra incendios. Así, o número total de vehículos motobomba a disposición do operativo é de 378, sumando os da Xunta e os municipais.
Nesta liña, renovarase tamén o parque móbil do Servizo autonómico, coa adquisición de 6 novas motobombas e a renovación doutros vehículos. Neste sentido, cómpre lembrar ademais que recentemente entregáronse 11 vehículos ao Servizo e que dende o ano 2013 o Goberno galego adquiriu un total de 88 novas motobombas, o que supón que se renovou máis da metade do total destes vehículos do dispositivo.
O Pladiga 2021 incorpora, a maiores, un completo Plan de prevención, que ten como principais magnitudes a actuación en máis de 58.000 hectáreas de superficie, a intervención en preto de 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e a realización de labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga existentes na nosa comunidade; así como a construción doutros 222 novos. Todo isto, cun investimento de arredor de 30 millóns de euros.

Instalacións
Outra mellora na loita fronte os incendios será a creación do novo Centro integral para a loita contra o lume, que se situará na localidade ourensá de Toén e que funcionará como un verdadeiro “Campus Forestal” grazas ás achegas dos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios. Un complexo no que xa se empezou a traballar con labores silvícolas e de limpeza.
Ademais, cómpre lembrar tamén a próxima creación, no sur de Ourense, dunha moderna base de medios aéreos, que suporá un investimento de máis de 9 millóns de euros. Trátase dunhas instalacións enmarcadas no proxecto transfronteirizo Interlumes, que permitirán dotar a esta área -unha das máis afectadas pola actividade incendiaria- duns modernos servizos para a anticipación aos incendios, mellorando tempos de resposta e optimizando os recursos na loita contra o lume.

Colaboración coa Fegamp
Por outra banda, dentro da loita contra o lume, cómpre salientar tamén o convenio de colaboración subscrito coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Neste contexto, xa son 270 os concellos adheridos. Esta colaboración interadministrativa garante a correcta xestión da biomasa en parcelas situadas dentro da rede de faixas secundarias de máis do 86% do territorio da Comunidade galega. Unha xestión que está sendo controlada por drons e por 15 supervisores de prevención que están traballando sobre o terreo co obxecto de comprobar o cumprimento da normativa da xestión da biomasa naquelas faixas secundarias de parroquias priorizadas. Ademais, outros 30 supervisores sumaranse proximamente a estes controis nas parroquias non priorizadas dos concellos adheridos ao convenio de protección das aldeas.
A maiores, a través de dito convenio, a Xunta entregou 232 plans de prevención municipais aos correspondentes concellos, dos cales 129 xa están aprobados definitivamente e os outros 103 atópanse en tramitación. Así, en tres anos pasouse de non haber case ningún plan a que o teñan hoxe en día en tramitación preto do 75% dos municipios galegos.

Teléfonos de alerta
Por último, cabe lembrar que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais pode ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

SOURCE: Loita contra os lumes forestais