Ao redor de 18.000 traballadores coidaron a usuarios de residencia física e emocionalmente durante a crise sanitaria.

Aínda que agora pareza unha historia afastada, hai apenas uns meses as residencias de maiores e persoas con discapacidade encollían o corazón de todo un país. As persoas que alí residen preocupaban a toda a sociedade ante un virus que atacaba ao máis vulnerable. Unha situación que implicou centrar todos os esforzos na súa protección e que levou converter estas instalacións en auténticas fortalezas nas que ninguén podía entrar nin saír sen unha causa xustificada. Os protagonistas e verdadeiros heroes foron os propios residentes, que tras unha vida de esforzos non imaxinaban ter que vivir esta última batalla, pero tamén os seus coidadores, un persoal sociosanitario que puxo os seus días a disposición dos que máis necesitaban apoio e coidado.

As Gándara
A organización dun centro sociosanitario converteuse nun exercicio de precisión. «Quendas para comer, respectar os protocolos sanitarios, realizar probas constantes, coordinar a comunicación entre departamentos, cadrar os horarios de visitas e todo, sen esquecer a parte máis humana e emocional dun momento coma este». Así relata Javier Vázquez a súa experiencia ao mando da residencia pública As Gándaras, en Lugo. Vázquez, hoxe xefe territorial da Consellería de Política Social, asumía a dirección do centro lucense en xullo de 2020. «Collín as rendas da residencia nun punto moi duro. Foron momentos de moita ansiedade, pero esa ansiedade che facía estar activo. O traballo en equipo e un alto nivel de implicación por parte dos profesionais permitiron que non tivésemos ningún caso entre os residentes», sinala.
En Galicia existen máis de 18.000 traballadores sociosanitarios que coidan a 22.000 persoas maiores e a máis de 2.000 persoas con discapacidade. Eles son a parte oculta, pero tamén protagonista desta difícil situación. «Os residentes eran o que nos motivaba a traballar. Días antes do Nadal unha usuaria chegou a pedirnos saír para comprar os agasallos dos seus netos cando só permitíanse saídas xustificadas para ir ao médico e pouco máis. Eses momentos tan emotivos empuxábannos a facer todo o posible para devolverlles a normalidade», relata Vázquez.

Campolongo
Mesma sensación compartían na residencia pública de Campolongo, en Pontevedra. A directora deste centro, Maite Caneda, conta que o momento máis alegre era cando trasladaban o resultado dos cribados que certificaban que non había contaxios. Uns minutos de felicidade que pronto se volvían a transformar en incerteza. «O ambiente era un tanto solemne, ninguén sabía como actuar, pero iso permitíanos tamén ser estritos e ter moito coidado co contacto e a hixiene». Asegura que tanto familiares como usuarios tiñan confianza cega nas medidas recomendadas e cumpríanas a machada. «O que peor levaban era non poder ter contacto cos compañeiros que estaban noutros sectores. Iso e non saír á rúa. Tiñamos que discorrer para buscar actividades que lles axudasen a ter a cabeza ocupada», sinala, «e sempre soñando con irnos a tomar un mojito todos xuntos cando todo acabase!».
Neste centro chegaron a inaugurar unha terraza onde os usuarios puideran tomar o café, aumentaron as merendas «que antes da covid apenas eran frecuentadas, pero convertéronse nos mellores momentos de conversación» e os profesionais elaboraban sobremesas caseiras para cambiar o menú e permitir que o aire fresco entrase de novo na residencia. «Cando nos permitiron realizar as primeiras saídas a domicilios, tanto familiares como usuarios dicíannos que preferían quedar, que na residencia atopábanse seguros», lembra a directora.

Experiencia persoal
Afastados das súas familias e amigos, os usuarios pasaron longos meses sen contacto co exterior. «Para min un dos momentos máis emocionantes foron as videollamadas que faciamos coas súas familias. A información a eles e entre eles converteuse nun dos traballos máis fundamentais», asegura Néstor Pena. Este auxiliar de enfermaría no Cegadi, un dos centros integrados postos en marcha polo Goberno galego para illar aos usuarios positivos en covid-19, recuperou a súa vella profesión logo de que a pandemia deixase o seu traballo como cantante de verbenas sen eventos.
«A covid permitiume recuperar unha vocación apagada que me serviu para vivir unha experiencia inesquecible», apunta. De feito, actualmente continúa dedicándose á enfermaría xa desde un hospital. Asegura que afrontou con valentía a oportunidade de traballar nunha residencia nun momento coma este. «Había que estar ao 200% e non pasaba un día no que non se che caesen bágoas de emoción, pero mereceu a pena. Unha das miñas ilusións é volver ver aos usuarios que pasaron polo Cegadi. Voumos a levar sempre no recordo», relata.
Foi unha experiencia e un sentimento que compartiron os traballadores e usuarios de residencias do catro provincias de Galicia. Xurxo Fernández, director do centro de Castro Caldelas, lembra como durante moitas semanas eles, os médicos, enfermeiros, auxiliares, gerontólogos e o resto do persoal da residencia convertéronse no único contacto dos maiores co exterior. «Supoño que pasar por estes momentos de tensión e estrés, pero tamén de alegría e confianza, uniunos máis a todos», recoñece.
Todas estas situacións forman xa parte do pasado. Convertéronse en historias que contar a netos e xeracións vindeiras e isto débese principalmente a dous axentes. Por unha banda os protocolos, os equipos de protección e a vacina, que permitiron converter os centros de maiores e persoas con discapacidade nos lugares máis protexidos de Galicia e pór a cero o contador de casos en residencias, e por outro, a todos os profesionais que día tras día deron o mellor deles mesmos para conseguir que os usuarios de residencia vivisen estes meses dunha forma segura, acompañada e tranquila. Ademais de ser capaces de ofrecerlles os coidados que a idade lles esixe, foron a calor humana dunha familia. Unha gran familia conformada por todas as residencias de Galicia.

SOURCE: Sociosanitarios durante a pandemia