A crise da Covid-19 protagonizou miles de portadas desde que en marzo do 2020 entramos nun confinamento incrible e inesperado. Con todo, a maioría dos expertos está de acordo que aínda que a Covid-19 é un asunto serio, non ten nin unha décima parte da problemática que se nos bota enriba coa crise climática.
O cambio climático, aínda que segue sendo negado por algúns, é un feito irrefutable. Agora o debate politicamente correcto está en dilucidar se é algo natural ou un fenómeno producido polo home. É coma se estivésemos dentro dun edificio en chamas e, en lugar de escapar ou apagalas, sentámonos a dilucidar se o lume empezou na cociña ou no salón. Xa non é o momento.
Estamos diante dunha emerxencia planetaria que nos está devorando. Os exemplos son múltiples, aínda que soamente nos doa o que ocorre nas nosas contornas próximas ou en países desenvolvidos como o noso. Temos para escoller: temperaturas extremas de case 50 grados en Canadá; choivas torrenciais en Alemaña e Bélxica que, a pesar das súas flamantes infraestruturas e dispoñibilidade de recursos non poden evitar decenas de mortos; récords históricos en temperaturas en zonas impensables como Siberia, que provocan un manto de chamas; a redución a toda velocidade dos polos que inxectan millóns de litros de auga doce nos océanos alterando vida e correntes mariñas, etc.
A ausencia de recursos e o cambio climático van da man como ingredientes dun bolo alimenticio que terán que tragarse os nosos fillos e netos cuxo futuro será irrespirable e invivible.
A humanidade está nunha encrucillada, ou escollemos a cooperación, a repartición equitativa de recursos, a economía dos coidados e o respecto máximo ao medio ambiente ou acabaremos nun estado xeneralizado de barbarie. Agora estamos a avanzar cara a isto último, mentres que a nosa clase política atenazada por poderosísimos intereses empresariais e escrava da seu perverso funcionamento electoral, aplícanos cataplasmas formadas por mentiras e mensaxes ben intencionados, infantís, que tan só nos despistan do verdadeiro problema. Somos como aqueles aparvados “eloi”, da novela de H.G. Wells “A Máquina do Tempo” (1895) esperando a ser devorados polos “morloch” mentres gozamos de lecer, manxares e pracer.
Óscar Blanco
SOURCE: Crise climática