O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, visitou unha parte do dispositivo de seguridade establecido pola Garda Civil na provincia no marco da Operación Verán 2021, do Plan de Seguridade do Xacobeo e de Prevención de incendios forestais. No acto, celebrado en Vilamaior (Verín), estivo acompañado polo tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Rafael López Pinel; polo comandante José Benito Fernández Santamarina e polo tenente Francisco Rodríguez Valle.
Emilio González sinalou que o Ministerio do Interior reforza durante a temporada estival a plantilla da Garda Civil en Ourense con oito axentes do Escuadrón de Cabalería, seis destinados ao Servizo de Protección da Natureza, catro axentes para labores de investigación e 25 alumnos en prácticas. Ademais, contarase co apoio, no momento en que sexa precisa a súa intervención, dun Módulo de Intervención Rápida do Grupo de Reserva e Seguridade e dun helicóptero.
“Con estes dispositivos o Ministerio do Interior redobra os esforzos para previr a comisión de actos delituosos dos que poidan ser vítimas os cidadáns nacionais e estranxeiros nas súas estancias na provincia de Ourense”, sinalou González Afonso.
Escuadrón de cabalería
Emilio González destacou que, dentro do operativo habitual que a Garda Civil establece todos os anos para a prevención, vixilancia e investigación de incendios forestais, o Escuadrón de Cabalería da Garda Civil que opera na provincia de Ourense realiza patrullaxes preventivas polos montes, con especial atención ás demarcacións correspondentes ás Compañías de Verín, A Rúa e Celanova.
No Plan de Seguridade do Xacobeo 2021, participa na protección e auxilio de peregrinos no Camiño de Santiago.
O Escuadrón de Cabalería da Garda Civil é unha unidade especializada que ten a súa sede central situada no Colexio de Guardias Jóvenes de Valdemoro (Madrid).
Colaboración da GNR
Doutra banda, o subdelegado do Goberno subliñou que tamén se reforza este verán a cooperación policial internacional, contando coa presenza de axentes de Portugal na provincia de Ourense. Así, seis axentes da Garda Nacional Republicana prestan servizos no Cuartel da Garda Civil de Verín durante o mes de xullo e serán relevados no mes de agosto por outros 6 axentes.
Para desenvolver a súa misión de protección dos turistas e peregrinos, organízanse, por quendas, en patrullas mixtas con axentes da Garda Civil.
Emilio González agradeceu a súa colaboración e subliñou a importancia da súa presenza para os visitantes portugueses.
Plan de seguridade do Xacobeo 2021
O subdelegado do Goberno destacou que este Ano Santo Xacobeo a Garda Civil está a realizar un reforzo da seguridade no marco do Plan de Seguridade específico para o Camiño de Santiago. “En momentos coma este resulta máis importante aínda transmitirlle seguridade aos peregrinos, é un aspecto fundamental para a recuperación do Camiño e niso estamos traballando”, sinalou González Afonso.
O Plan de Seguridade establecido pola Garda Civil proporciona o núcleo fundamental da protección ao peregrino e do Camiño, dando prioridade á preservación da seguridade cidadá, a regulación do tráfico, a ordenación do territorio e a protección do patrimonio histórico-artístico e ambiental. Ademais, a Garda Civil reforza a súa presenza nos territorios de baixa densidade demográfica.
Por último, Emilio González sinalou que a través da aplicación Alertcops do Ministerio do Interior a Garda Civil intensifica a súa presenza virtual. Mediante a súa descarga, a persoa peregrina poderá activar a función “Gardián Benemérito”, que lle proporcionará servizos dispoñibles en sete idiomas, tales como atención 24/7 desde os centros operativos de servizo, recepción de alertas de seguridade xeolocalizadas en tempo real, así como a posibilidade de contactar co 062. Igualmente, os usuarios recibirán mensaxes con consellos de seguridade en función do seu xeoposicionamento.
SOURCE: Dispositivo seguridade verán