O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou o novo albergue de peregrinos da Gudiña. O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao novo albergue da Gudiña, a Casa da Viúva, como exemplo do compromiso de ofrecer aos peregrinos a mellor Galicia neste Xacobeo 21-22.
Durante unha visita ás novas instalacións, Feijóo subliñou que o edificio senlleiro recuperado conta con 44 prazas, cun cuarto adaptado con aseo propio, aparcadoiro de bicicletas, un espazo dedicado a exposicións e información sobre o Camiño, e cunha sala de estar con comedor, cociña e área de descanso.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta recordou que a Comunidade conta cunha rede pública de albergues con 78 establecementos. Nesta liña, precisou que a Vía da Plata conta na actualidade con 13 albergues, aos que se sumarán 2 establecementos máis: o de Cea, con 43 prazas, e o de Piñor con 40.
Así mesmo, salientou que a Administración autonómica conta con dúas follas de ruta para organizar todas as melloras que se están a facer na experiencia xacobea: o Plan director do Camiño, cun investimento de 67 millóns de euros, para conservar e protexer o Camiño a través das melloras na accesibilidade, na acollida e na integración das rutas; e o Plan estratéxico 2019-2021, dotado con 247 millóns.
Por último, o responsable do Goberno galego reiterou o esforzo que desde a Administración autonómica se está a levar a cabo para achegar un “plus” de seguridade a todas as persoas que decidan facer o Camiño, referíndose a iniciativas como Galicia destino seguro, á posta a disposición dos viaxeiros dun teléfono especial para atender calquera síntoma relacionado coa covid-19, á activación da aplicación PassCovid ou ao Seguro coronavirus.
SOURCE: albergue da Gudiña