A estación de montaña de Cabeza de Manzaneda acolle o vindeiro domingo, 1 de agosto, a celebración do “XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas”, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Manzaneda e Manzaneda Estación de Montaña. Previamente, o día anterior, terán lugar o “IV Serán da Seitura” e a “Noite Celta”.
Previo ao 12º Certame Celtibérico, o sábado 31 de xullo, ás 18 horas, terá lugar a IV edición do Serán da Seitura, na praza da Igualdade de Manzaneda, que contará coa actuación da violinista María Rodríguez; do grupo de acordeóns Airiños da Porta Falsa; do grupo de gaitas e danzas A Pinguela, de Manzaneda; das Cantareiras da Real Banda, e de destacados informantes do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terras de Trives, acto no que se inaugurará o monumento na memoria de Ludivina Pérez Ricoi. Ese mesmo día, ás 23.00 horas, terá lugar a Noite Celta, na estación de Manzaneda, coa actuación do grupo Bágoas do Toxo; a banda de gaitas El Gumial, de Asturias, e as Cantareiras da Real Banda.
O domingo, 1 de agosto, ás 11 horas, dará comezo o XII Certame Celtibérico coa cerimonia de izado de bandeiras e bendición do campo, para posteriormente celebrarse as actuacións das bandas de gaitas e o concurso de gaiteiros solistas e de bastóns de mando. O acto finalizará cunha ofrenda floral diante do monumento a Gabino García e coa entrega de premios, galardóns que este ano representan aos gaiteiros máis importantes de Galicia e Asturias: Xan Míguez (Gaiteiro de Ventosela), Perfecto Feijoo (Gaiteiro do Lérez), Ramón García (Gaiteiro de Libardón) e Avelino Cachafeiro (Gaiteiro de Soutelo de Montes).
SOURCE: Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas