Son 270 os concellos adheridos e a 232 deles xa se lles enviou o plan de prevención.

O convenio de protección das aldeas chega a preto do 70% de parcelas e superficie xestionada

En 2018 entraba en vigor o convenio de protección das aldeas asinado entre a Consellería do Medio Rural, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. Desde entón, a porcentaxe tanto de parcelas como de superficie xestionada nas franxas secundarias -as máis próximas ás vivendas- das parroquias priorizadas pasou de representar a metade do total en 2019 a situarse preto do 70% neste ano 2021. Isto fala do bo funcionamento do convenio, que é resultado, entre outras cousas, dos traballos da comisión parlamentaria creada tras os incendios de 2017, dando así cumprimento a un mandato da Cámara galega.

Comprobación de parcelas
Precisamente ao abeiro deste acordo, a Xunta vén de finalizar os traballos de comprobación de preto de 180.000 parcelas de parroquias priorizadas, onde os titulares poden executar a limpeza pola súa conta ou contratala directamente a Seaga por un prezo vantaxoso de 350 euros por hectárea limpa. Nesa inspección, constatouse o incremento no grao de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa para a prevención de incendios forestais, acadándose as tres de cada catro parcelas xestionadas.
Mentres, a uns 65.000 titulares notificaráselles para que procedan á limpeza advertíndolles que, de non facela, cada concello procederá subsidiariamente e logo lles trasladará o custo correspondente. Xa están advertidos uns 8.000 propietarios e persoas xurídicas dos 81 concellos priorizados mentres uns 31.500 son ilocalizables, polo que se publicarán as notificacións no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE).
Tras a revisión das parroquias priorizadas, a Xunta procederá este ano á revisión das parroquias non priorizadas nos 81 concellos priorizados. Así, contratáronse un total de 30 capataces que se están a encargar da supervisión do estado de xestión da biomasa, sumados a outras 15 persoas que xa viñan traballando no territorio das parroquias priorizadas. Nesta revisión estasense a inspeccionar os concellos de Porto do Son, Guitiriz, Cualedro, Oímbra, A Gudiña, Verín, Sandiás, Boborás, Arbo e Mondariz.

Convenio
Ademais das accións nas faixas secundarias, o acordo contempla a xestión da biomasa en vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano, con cargo ao convenio, así como 10 hectáreas de execución subsidiaria, tamén por concello e ano.
A maiores, está incluída a posta en marcha de iniciativas estratéxicas, é dicir, de proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que se consideren de especial transcendencia, así como de aldeas modelo para recuperar parcelas arredor de núcleos de poboación. Nesa dirección, hai xa 44 figuras deste tipo en diferentes etapas ou fases de execución e 14 declaradas en toda Galicia.
Outra actuación vén dada polo reforzo a actuacións preventivas mecanizadas nos concellos adheridos, que permitirá acadar unha superficie de actuación en áreas cortalume próxima ás 1.500 ha. Tamén se traballa no marco das iniciativas veciñais para o cumprimento das medidas preventivas nas faixas secundarias, como a que supuxo a entrega á Asociación medioambiental “Axuge” de Lobios de media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios como serradoiros e tesoiras cortarramas.

Asistencia técnica
No que atinxe á asistencia técnica aos concellos, a Xunta segue apoiando aos consistorios para a tramitación dos seus plans de prevención e defensa contra incendios, chegando xa aos 232 plans enviados a outros tantos municipios. Deles, 130 xa están aprobados e 41 contan con informe favorable da Consellería e están pendentes da aprobación no Pleno dos concellos.
No tocante ás ferramentas tecnolóxicas a disposición dos 270 concellos adheridos, o convenio contempla un visor de traballo que permite determinar e visualizar as parcelas afectadas por faixas secundarias e a aplicación Xesbío, para a xestión dos numerosos rexistros que xera o convenio.

SOURCE: Loita contra os lumes