“Lírica Revuelta, Prosaía” é a nova proposta literaria do ourensán Avelino Jácome. O escritor e colaborador deste xornal, Avelino Jácome, presenta o libro “Lírica Revuelta, Prosaía” -adicados ao seu neto- no que recopila 10 anos de traballo poético. Nel pretende amosar as súas ledicias e tristuras, espirse ante o lector nun exercicio de valentía.
A obra conta coa colaboración de Paco Ascón, nas ilustracións, e aportacións do poeta Mario García Montalbán; prologado por o profesor Manuel Mandianes.
De que vai o libro “Lírica Revuelta, Prosaía”?
Avelino Jácome: «Tratase do traballo poético feito ao longo de dez anos, recopilado para esta edición, unha escolma de sentimentos escritos en verso e en prosa. Un remexido lírico onde prevalece o fondo sobre a forma, un ruxir de sentimentos que o corazón non pode conter e esvaran coma un río nunha enchente, cheos de vida e de morte, de soños dun mundo mellor e de loita contra as inxustizas dos máis necesitados».
Por que ese nome?
A.J.: «O nome Lírica Revuelta expresa dous sentidos da vida, dun xeito como a revolución necesaria que se enfronta cas desigualdades, coa violencia, co maltrato as mulleres e por outra banda a mistura de estilos e temas aparentemente desordenados, onde o lector atoparase coas traxedias da vida nun poema e na páxina seguinte outro ca ledicia de existir, adicado o meu neto pequeniño como un mensaxe de esperanza. Tentei facerlle chegar ao lector a idea da alegría coma unha menciña, mais sen agochar a tristura, coas realidades das miñas dúbidas e das miñas inquedanzas, pero sen afogar no pesimismo».
>> «Esta Lírica Revuelta é un canto tamén á superación das nosas eivas, como persoas, como sociedade, nas palabras do profesor Manuel Mandianes que prologa a obra tratase de “unha poesía sinxela en apariencia, mais esa sinxeleza aparente non diminúe o misterio das situacions e os enigmas dos sentimentos e as persoas, senon que a volve entendible e humana, de tal xeito que resulta un agarimo para alma».
Os sentimentos e o pasado sempre están presentes nas obras de Avelino Jácome, é fácil de plasmar para ti as vivenzas vividas?
A.J.: «É certo que eu escribo sempre do vivido, decía Borges que todo canto nos acontece o longo da vida e a substancia precisa para construir a materia literaria, eu penso o mesmo, e en consecuencia escribir é espirse ante un espello que nos mostra a imaxe do que somos con respecto o que adoitabamos crer que eramos, espirse non é doado, é un exercicio valente onde non valen nin agochamentos nin hipocrisías».
Ademáis o libro conta con varias colaboracións
A.J.: “Si, o libro conta coas ilustracións do pintor Paco Ascón, que con oito marabillosas obras afonda nos sentimentos que expresa o autor poñendo diante do lector a imaxe precisa que complementa o texto, tamén conta o libro coas aportacions do poeta valenciano de prestigio internacional Mario García Montalbán e a achega de Manuel Mandianes antropólogo e escritor de recoñecido prestixio”.
En época de pandemia é máis fácil ou máis difícil atopar a inspiración para escribir?
A.J.: «Para min escribir é unha necesidade vital o mesmo que comer ou respirar. A miña escrita nace desa pulsión polo que sempre me resulta doado facelo, outra cousa xa é plasmalo no papel a transmisión ao lector que moitas veces desencadena unha loita na busca da linguaxe literaria axeitada, a pandemia fixonos novos plantexamentos: o xeito de velas cousas, o egoísmo, a importancia do entorno natural todo isto xenerou novas miradas literarias, algunhas xa retratadas niste poemario».
Pensan xa nun próximo libro?
A.J.: «Estou preparando un novo libro Etnografia do Sentimento, este en galego, vai máis na liña do primeiro, As Andromenas e Outros Contos, será un libro que sorprenderá pola sua achega a nosa historia recente dende o punto de vista do miudo, daqueles verdadeiros protagonista o que fan a historia cotiá e que non aparecen nos libros, máis son os que fan a historia de verdade con maiúsculas».
Volvendo a “Lírica Revuelta, Prosaía”, onde se pode mercar?
A.J.: «Podese mercar en Orixe Publicidade na rúa Francisco de Moure 20; no Kiosco Marcos, na rúa Bedoya, na merceria Cruz, en Doutor Marañón ou pedindo a editorial Andromena Senlleira no telefono 672 43 58 91 ou persoalmente no correo electronico avelino.orixe@gmail.com, que llo faremos chegar sen ningun coste engadido de transporte a calqueira punto da Península».
SOURCE: “Lírica Revuelta, Prosaía”, de Avelino Jácome