Decrecendo

Recesión ou decrecemento

O 17 de agosto, o economista francés Timothée Parrique publicou na súa conta de Twitter un exemplo gráfico e simpático da diferenza entre “recesión” e “decrecemento”.
Como el mesmo declarou: “Unha [a recesión] é unha perda accidental de control con consecuencias desastrosas, o outro [o decrecemento] é unha traxectoria descendente controlada con resultados prósperos”.

Esta frase vai acompañada da imaxe deste artigo, onde se poden ver dous ciclistas baixando por unha pendente que parece vertixinosa. O ciclista da esquerda está controlando o descenso mentres que o ciclista da dereita agarda un final brusco e probablemente máis doloroso.

Esta metáfora visual preséntanos con toda sinxeleza as dúas únicas opcións que temos para afrontar as duras circunstancias que sufriremos como especie. Por unha banda, podemos optar pola máis dura recesión que se producirá como consecuencia da adopción de políticas económicas e sociais para facer as cousas como sempre (o que se coñece como “business as usual”). Esta opción ten unha versión “lixeira”, que consiste en engadir os adxectivos “sostible” ou “verde” ás accións que seguen sendo depredadoras de recursos e enerxía, disimulándoas para que a opinión pública poida tragar con elas: “desenvolvemento sostible”, “transporte verde”, etc.

Por outra banda, podemos baixar esa pendente con equilibrio e moderación, aproveitando os nosos recursos xa escasos, contendo e usando intelixentemente as enerxías. Esta prudencia permitiranos chegar con seguridade á nova orde económica que xurdirá deste tempo de incertezas, pandemias e terrores que xorden cada minuto para evitar que pensemos con frialdade.
Que ciclista queren ser?

Óscar Blanco

SOURCE: Recesión ou decrecemento