Avanzar en cero vítimas nas estradas. No marco deste obxectivo a Xunta puxo en marcha unha campaña de concienciación en seguridade viaria que ten como obxectivo lembrarlles tanto aos peóns como aos condutores que “na estrada somos pezas fráxiles”, e que dá continuidade a outras previas, centradas en usuarios vulnerables, como os ciclistas, ou na alerta sobre os riscos das distraccións ao volante.
Na presentación desta campaña, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, situouna como o “pistoletazo de saída” para a elaboración do novo Plan de seguridade viaria de Galicia 2021-2025, convidando aos diferentes axentes sociais e institucionais a participar activamente na súa elaboración para avanzar no obxectivo final das cero vítimas nas estradas. A conselleira estivo acompañada do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; a delegada de STOP Accidentes en Galicia, Jeanne Picard; o presidente de Sargadelos, Segismundo García, ademais dos delegados territoriais da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; en Lugo, Javier Arias; e en Ourense, Gabriel Alén, ademais de representantes de diferentes institucións e colectivos relacionados coa seguridade viaria. Destacar que devandita campaña emprega como reclamo figuras con estética de Sargadelos.
Cabe recordar que en 2011 o número de falecidos nas estras era de 144 contabilizándo en 90 no ano 2019. Para a conselleira estas cifras continúan a ser inasumibles porque cada vítima nas estradas “é un drama” e por iso o novo Plan de seguridade viaria ten como lema “Visión cero’, en referencia á eliminación total dos mortos en accidentes, un obxectivo que, dixo, require da implicación de todos (administracións e sociedade). Nese sentido, Ethel Vázquez puxo en valor o esforzo que realiza a Xunta por reforzar a seguridade viaria nas estradas autonómicas, apuntando a necesidade de contar coa implicación da sociedade no seu conxunto e a nivel individual “para acabar coa lacra dos accidentes de tráfico”.
A primeira fase desta campaña tivo lugar a finais de xullo e principios de agosto e centrou a súa atención nos peóns, lembrándolles a necesidade de empregar prendas reflectoras, de camiñar pola esquerda da estrada sempre que non exista senda ou beirarrúa, ou de escoller o lugar máis seguro para cruzar.
Co lema “Mirar por min é mirar por todos”, a campaña lembra que, ademais de protexerse do virus, os cidadáns deben previr o risco de accidentes, adoptando unha serie de medidas que supoñen coidar dun mesmo, pero tamén do resto de usuarios da estrada.
A campaña retomarase en outubro poñendo o foco nos condutores, que co cambio de estación deben adaptar a súa circulación ás condicións climatolóxicas e asegurarse de que o vehículo se atopa no estado axeitado.
Plan de seguridade viaria 2021-2025: “Visión 0”
Rematado o período de vixencia do actual Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, a Axencia Galega de Infraestruturas comeza a elaborar un novo Plan de Seguridade Viaria 2021-2015. Enmárcarase nas estratexias actuais de carácter nacional e internacional de seguridade viaria e na aplicación dos principios de Visión Cero para a redución de vítimas e falecidos por accidentes nas estradas galegas.
O lema que informa o plan é o da “Visión cero”, é dicir, que o horizonte buscado coas medidas que desenvolverá o Plan é o da redución ao mínimo posible das vítimas en accidentes de tráfico nas estradas galegas, de modo que nos aproximemos a un obxectivo final de cero vítimas de accidentes de tráfico.
Elaborarase un documento inicial no se que se recompile, sistematice e analice información como a evolución histórica da sinistralidade viaria en Galicia, a análise e resultados dos anteriores Plans de seguridade viaria galegos, o contexto mundial, europeo e nacional ou mesmo a normativa de aplicación.
A continuación, elaborarase un documento de diagnose en relación coa seguridade viaria en Galicia e a formulación dos seus obxectivos, liñas de actuación e actividades e, a partir de aí, o borrador do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2021-2025.
No proceso de elaboración do Plan prestarase especial atención á participación da sociedade. Así, o documento de bases será discutido cos axentes sociais e institucionais e o borrador do Plan someterase a consulta e participación pública.
Tras o proceso de consulta e participación pública, elaborarase a versión final do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2021-2025.
Entre as medidas levadas a cabo pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nos últimos anos dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 están entre outras: o reparto de 33.000 prendas reflectantes para peóns e para ciclistas; cursos gratuítos de condución segura para 800 motoristas; ou campaña de sensibilización, dirixida a nenos de educación primaria, baixo o lema “O corazón está do teu lado”.
SOURCE: Seguridade vial