Decrecendo

O castelo de naipes

As alarmas pasan de laranxa a vermello agora que os motores para as compras de Nadal comezan a quentar. Resulta que o tan desexado Nadal despois dun Covid debilitado pode verse mancado pola escaseza de todo tipo de materias primas, escaseza de insumos que afectarán aos xoguetes, mobles, roupa, electrodomésticos, vehículos e todo o que se lle ocorra.
E se algo non afecta aos seus compoñentes ou ás súas materias primas, están as ameazas ou máis ben as negras realidades nas cadeas de distribución. Os problemas co aumento do custo do transporte de grandes buques mercantes, o colapso en múltiples portos nodos do comercio internacional, a ausencia de transportistas en terra debido á falta de preparación ou ás penosas condicións de traballo, etc., causarán que o tan agardado agasallo de Nadal ou non chegue ou que chegue demasiado tarde.

De fondo pódese escoitar como vai rachando o tecido socioeconómico, cuxas costuras xa non soportan a presión exercida sobre o planeta e as persoas, ambas esmagadas na procura dun pseudo progreso que non é tal.
As nosas certezas diarias colapsan aos poucos, coma un castelo de naipes a cámara lenta. Hoxe non hai isto, mañá faltará o outro e, como mínimo común múltiplo, está a constante escalada de prezos á hora de satisfacer as nosas necesidades básicas.

Antes, coas vacas gordas, a xente decidía se quería unha videoconsola ou un novo teléfono móbil. Chegará un día onde decidirán se pasan fame ou pasan frío.

Óscar Blanco

SOURCE: Castelo de naipes