O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén visitou acompañado do alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, a igrexa de Santa María de Macendo para informalo do anuncio de licitación das obras do retablo maior e as súas imaxes, no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai investir 67.881,00 euros, e que terá un prazo máximo de execución de 6 meses.
Gabriel Alén puxo en valor a aposta decida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, por iso, “dende a Xunta queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis singular”; e engadiu, “este tipo de actuacións constitúen un auténtico agasallo para todos os que estamos orgullosos da nosa riqueza etnográfica e da nosa historia e para todos os que cremos nas testemuñas do pasado como unha parte esencial do noso poder de transformación”. A igrexa de Santa María de Macendo é un inmoble protexido polo seu valor cultural ao ter a consideración de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
As actuacións previstas
As obras consistirán no empapelado e sentado das zonas de policromía que presenten levantamentos e perigo de desprendemento, previo a calquera actuación no propio retablo; revisión da estrutura e dos elementos decorativos da zona do ático, para a súa avaliación; desmontaxe, reforzo e axuste estrutural da zona do ático en caso necesario; limpeza superficial con procedementos mecánicos da sucidade superficial; eliminación do cabreado que vai dende a zona da sancristía ao interior da fornela da Virxe de vestir, para a iluminación da tira de leds e retirada da mesma; desinsectación preventiva; consolidación do soporte; elaboración dunha caixa para a fornela central da Virxe de vestir, en madeira de castiñeiro entoado con lasures; montaxe do ático; fixación da policromía.
Tamén se levará a cabo o traslado do cabreado eléctrico que atravesa o marco do panel da zona dereita do sotabanco ao chan mediante roza, en tubo corrugado de policloruro de vinilo, estanco, estable ata 60º C e non propagador de chama; retirada de elementos alleos á obra: pezas do cabreado eléctrico, cravos oxidados; limpeza físico-química; eliminación de posibles repintes de carácter puntual; reintegracións volumétricas e resanado de gretas: sempre que o ben o requira para unha mellor lectura do conxunto, reintegraranse as faltas volumétricas.
Os traballos de restauración das imaxes consistirán na limpeza superficial, desinsectación, fixación da policromía, limpeza físico-química, reintegración volumétrica, estucado e desestucado, reintegración cromática e vernizado final. Realización de catas nas imaxes de San Roque, Santo Antón, carnacións da Virxe de vestir e Sta Rita; para avaliar o estado de conservación da policromía subxacente e eliminación da repolicromía actual en caso de que sexa viable a recuperación da orixinal. As imaxes que presenten un apoio insuficiente nas súas bases (imaxe de S. Pablo suxeita con arame), deberán fixarse ao retablo mediante elementos discretos e reversibles.
Por último, executarase a substitución dos actuais cableados en contacto cos laterais do retablo, que alimentan os focos laterais que iluminan o altar; por outros que proveñan das caixas situadas nos piares do arco do presbiterio, pasando polo interior do arco das fornelas laterais pétreas do presbiterio, e continuando polo interior das xuntas (previo descarnado das mesmas) dos muros ata os focos a través de tubo corrugado. Rexuntado de xuntas con morteiro de cal; e se instalará un foco led orientable con zoom, exterior ao retablo, para iluminar a zona da fornela central que alberga a Virxe de vestir; en substitución do actual sistema de tira led adherido á fornela.
Igrexa de San Pedro de Moreiras, no concello de Toén
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén tamén comunicou o anuncio de licitación das obras de restauración das cubertas das naves do cruceiro da Igrexa de San Pedro de Moreiras, no concello de Toén, no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai investir 119.645,57 euros, e que terá un prazo máximo de execución de 4 meses.
As actuacións previstas que se desenvolverán nestas igrexa, ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultual de Galicia consistirán na limpeza e consolidación da coroación dos muros e realización de traballos de cantaría necesarios para o asento e fixación da nova estrutura; a montaxe do entramado estrutural( pares, limas, correas…) en madeira laminada de abeto de clase resistente GL24h; a colocación de panel illante de cuberta tipo sandwich ( dobre taboleiro aglomerado hidrófugo e illamento) con lámina impermeable ao auga e permeable ao vapor (Lámina impermeable transpirable tipo Tyvek); tella cerámica curva tomadas con espuma sobre plancha de fibrocemento granonda, colocada con ganchos de aceiro inoxidable e sistema de ventilación en cumio e aleiro; a execución de canlóns de zinc, limas e baixantes.
Tamén se levará a cabo a realización dunha gabia perimetral con tubería drenante de diámetro 160mm recheo de grava en cota inferior á cimentación do muro; construíranse arquetas a pé de baixantes para recollida das augas pluviais, e farase unha conexión da rede drenante e recollida de pluviais á rede de saneamento existente augas abaixo.
En canto á impermeabilización do muro de fachada o proxecto contempla a realización da limpeza e retirada do revestimento de morteiro existente, así como reparación e consolidación do soporte se fose necesario; a execución de recrecido de morteiro de cal para colocación de impermeabilizante monocapa no adherido de lámina de caucho sintético EPDM, recrecido de morteiro de protección de lámina impermeabilizante e babeiro de chumbo para protección de testeiro; e o revestimento con pavimento de granito de 6cms abuxardado colocado a tope.
SOURCE: igrexas de Santa María de Macendo e de San Pedro de Moreiras