A actuación musical “Piperegrinos”, programada para o vindeiro domingo 31 de outubro ás 12 horas na Praza Maior, trasladarase ao Auditorio Municipal de Verín debido ás malas previsións meteorolóxicas, que anuncian choiva.
Promovido pola Xunta de Galicia no marco da celebración do Xacobeo 2021-2022, trátase dun espectáculo musical itinerante que por primeira vez reúne no mesmo escenario a destacados gaiteiros da Península Ibérica cunha longa e recoñecida traxectoria artística profesional. O programa incluirá a participación de 6 intérpretes de gaita que actuarán en formacións trío e dúo, coa participación de 17 músicos.
“Piperegrinos, as gaitas do Camiño” resalta a importancia da gaita como instrumento representativo das culturas europeas ao tempo que invita aos espectadores a unha viaxe sonora a través das diferentes gaitas ibéricas, coas que representar o importante intercambio cultural que se produciu nos distintos camiños de peregrinación a Santiago.
Trátase ademais, dun espazo de difusión e posta en valor das diferentes gaitas ibéricas e dos seus repertorios nun formato actual achegado á música folk e dirixido a todos os públicos, no que tamén ten cabida o público especializado.
Neste sentido, este acontecemento situará a Galicia como punto de referencia do encontro e convivencia das gaitas ibéricas, que potencia a presenza de gaiteiros galegos e foráneos na escena musical do noso país e propicia sinerxías e alianzas para futuras colaboracións artísticas.
SOURCE: Piperegrinos en Verín