Para darlles pulo e impulsar a recuperación económica de Galicia tras a pandemia.

O programa ReAcciona covid-19 mellora a competitividade das pemes

Coa finalidade de cooperar co tecido empresarial galego no actual escenario económico, contribuíndo ao seu impulso e recuperación tras a pandemia, a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, impulsa unha novidosa liña de actuación: o programa ReAcciona covid-19. Un programa ao que o Goberno autonómico vén de abrir o seu prazo de solicitudes e que permanecerá aberto ata o 15 de novembro (agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito). Neste sentido, a convocatoria aspira a reforzar a posición de partida das pemes galegas de cara á mellora da súa competitividade e para abordar novos mercados. Un obxectivo enmarcado na propia filosofía do programa ReAcciona, que o Goberno galego desenvolve desde 2012, reforzando deste xeito a súa aposta pola economía circular.

Finalidade
Esta nova liña diríxese á consecución de resultados, á aprendizaxe e á autonomía das empresas, que serán acompañadas durante todo este proceso. De feito, cada servizo consta sempre de tres partes: formación e sensibilización, análise e execución do plan de traballo.
Así, o ReAcciona covid-19 suma cinco novos servizos que atenden á situación económica xurdida da pandemia. As pemes galegas poderán acceder a prestacións especializadas no relativo á adecuación dos estados financeiros tras o impacto da covid-19 e os novos modelos de negocio; á transmisión ou adquisición de unidades produtivas; á análise de mercados internacionais concretos en relación á nova situación motivada pola emerxencia sanitaria e as necesidades específicas do solicitante de cara á apertura ou permanencia en dito mercado; á elaboración, adaptación e implementación de plans estratéxicos de internacionalización da empresa ou do sector ao novo escenario internacional; e á implantación de procesos acordes á economía circular.

Información
Para recibir información e tramitar as axudas pódese acudir ás oficinas territoriais do Igape; chamar ao Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47; ou a través de www.igape.es ou en informa@igape.es. O Igape ten publicado na súa páxina reacciona.igape.es a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras e os servizos que presta cada unha delas, detallando as condicións dos mesmos.

Beneficiarios
Poderán solicitar estes servizos as pequenas e medianas empresas, incluíndo as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens e calquera outro tipo de unidade económica. Como mínimo, deben contar con tres traballadores.
Así mesmo, os beneficiarios deben desenvolver a súa actividade en Galicia, tendo, como mínimo, un centro de traballo na Comunidade e a súa facturación en 2020 debe ser un 10% inferior á do ano precedente. Todos os servizos teñen un custo de 600 euros para o solicitante, sendo o seu valor de mercado de 10.000 euros.
Deste xeito, o Goberno galego complementa o programa ReAcciona, unha iniciativa que ten facilitado ata a data o desenvolvemento de máis de 2.000 proxectos que permitiron mellorar a competitividade de 1.333 empresas galegas, mobilizando 10,5 millóns de euros.

SOURCE: Programa ReAcciona