Pasei por diante do portón verde. Parei un anaco, e ollei pensativo a casiña da miña infancia, pechada pola lei da vida. Por un intre voltaron as lembranzas de novo, e as fiestras abrironse de par en par.
Daquela, os rapaces, do fermoso barrio antigo en Verín, esperabamos con ansia a chegada do Nadal. As candeas eran as raiñas da rúa, sempre ao carón dos portóns das casas, a primeira hora, entre a néboa. A ledicia, a xoldra e as reunións cos veciños deixabanse notar. No ambiente sentíase algo especial. A chegada dos que estaban fóra, por mor do traballo, enchía de esperanza e vitalidade o barrio, aínda que apuraban a tope, os poucos días que traían para estar entre os seus. Voltaban a casa polo Nadal. Aquel Nadal de antano, inesquecíbel, que era doutro xeito, outra forma de vivir e gozar.
No meu lar, a candea ardía no patio. O avó, pendente sempre do lume purificador, feito coa maxia dos antergos. Era o mellor aliado para formar un fogar acolledor. Non hai mellor abrigo que a familia ao carón da mesa, adornada con cariño e amor. A infatigable avoa dáballe xeito á receita con sabiduría, para agradar unha prole numerosa, que con infinito entusiasmo, seguía con orgullo as pautas da tradición ancestral de sentir a Noite Boa como a noite do ano máis entrañable. O bacallau coas patacas outra vez deu que falar. Non podía estar máis rico! Coido que os avós foron e serán parte fundamental destas estrolas familiares, que non deberiamos esquecer xamais.
Agora, despois dos anos, lémbrome das miradas do avó, que cun sorriso, mesturado de nostalxia e ledicia, cumpría co seu gusto de ter a todos, outro ano máis ao seu redor, ao tempo que deixaba cair con sutileza a lección primordial do que debe ser a familia e o respecto. Entre grolo e grolo a noite fundíase en sorrisos e anécdotas que xurdían de súpeto. Os rapaces iniciabamos a noble costume de brindar, e con especial permiso, por un día, mollabamos o dediño nunha pinga de viño, e cumpriamos coa obriga como Deus manda. Rulaban os doces de todos os xeitos, onde non faltaba o roscón fresco e esponxoso, e como non, o turrón de chocolate. Coa barriga chea comenzaba o folclore e as panxoliñas brotaban sen parar, unha tras da outra, facéndonos por un intre tocar o ceo.
O avó, despois de escoitar as cantigas máis modernas, arrincaba emocionado coas súas, aquelas que cando neno escoitou, fermosas e centenarias letras do Nadal en Vilardevós, que con gusto transmitiunos á súa maneira e que hoxe, cantamos cos nosos fillos, para que esta divina tradición non se esqueza co tempo.
“De quen son estos Palacios, feitos de palma e oliva? Uns son do Rei do ceo e outros da Virxe María… e outros son destes señores que por moitos anos vivan!”.
Ben seguro que os que agora estades a ler estas letras, tamén teredes unha particular historia de Nadal, coas lembranzas e costumes dos avós.
Coido que mirar atrás para lembrar non é tempo perdido, porque a candea que prenderon os vellos non deixarán xamais de quentar os nosos corazóns e como non, sinalar con orgullo o camiño, o mellor camiño…
Bon Nadal para todos!
Miguel A. Prieto “Chitín”
SOURCE: artigo "Chitín"